O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano; e o Director de Fondos Europeos da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, presentaron este luns a nova programación do cursos e obradoiros que acolle o Centro de Innovación Social InLugo. Estes cursos están organizados pola Fundación TIC, á que a Deputación de Lugo ten encomendadas as tarefas de promocionar actividades dirixidas ó fomento da educación, a investigación e o desenvolvemento das novas tecnoloxías entre lucenses de todas as idades.
Neste caso son as persoas maiores as destinatarias desta programación formativa, especialmente pensada para aumentar a súa autonomía e mellorar as súas capacidades cognitivas e funcionais. Segundo subliñou Alfredo Llano, “dende Deputación mantemos o noso compromiso de ofrecer a todos os lucenses, con independencia das súas idades e capacidades, o maior número posible de actividades e recursos relacionados coas novas tecnoloxías”. Deste xeito, “as TIC contribúen á comunicación e ó intercambio de ideas como mecanismos para mellorar da calidade de vida e corrixir as posibles desigualdades sociais”, destacou o Deputado.
Pola súa banda, Pablo Rivera avanzou que estas 15 accións formativas –10 cursos e 5 obradoiros-, “teñen un enfoque interxeracional, posto que pretendemos a colaboración entre lucenses de diferentes idades, por exemplo, dos avós cos netos. Ademais buscamos un enfoque práctico: os maiores poderán aprender a pedir cita no médico por Internet; a comunicarse coa familia que viva lonxe; a comprar dende a casa; aprenderán a sacarlle o máximo partido ó teléfono móbil, etc., é dicir, están pensados no día a día dos nosos maiores”
160 prazas gratuítas
Os cursos e obradoiros dispoñibles, que poñen a disposición dos lucenses 160 prazas de xeito totalmente gratuíto, son os seguintes:
– Atréveste con Internet? Axudámosche. Neste caso están organizadas tres edicións
– Obradoiro Xogamos coa mente
– Obradoiro Aprende, comparte e retoca as túas fotografías
– Organízate co teu móbil
– Obradoiro Mantemos en forma o cerebro
– Que podo facer co DNI-e?
– Atréveste a decubrir o ioga? Comeza a practicalo coa Wii
– O inglés e as tecnoloxías. Queres aprender?
– Obradoiro Ximnasia mental coa tablet
– Internet axúdache coas compras de Nadal
– Obradoiro Xogamos co corpo
– Ola, escóitasme? Deséxoche un feliz Nadal! (Uso do Skype)
– Avós e netos: aprendendo xuntos Seguridade Vial
Os cursos darán comezo a partires do vindeiro 14 de outubro e continuarán ata finais de ano.
Máis información e inscricións
Os interesados en participar, poden facelo a través da páxina www.deputacionlugo.org, na que atoparán máis información acerca de datas e horarios de celebración. Do mesmo xeito, poden poñerse en contacto no teléfono 982-225-186. Tendo en conta que as prazas son limitadas, as inscricións realizaranse por rigorosa orde de solicitude.



















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



