A Mariña, 4 de outubro de 2013. O BNG da Mariña anuncia que presentará emendas aos orzamentos xerais do Estado para que se contemple unha partida que permita desbloquear o dique norte de Alcoa. Os nacionalistas pregúntanse “onde van os compromisos do PP a este respecto, tendo en conta que todos os sectores económicos e sociais da comarca coinciden en que esta apertura ao tráfico comercial é fundamental para o desenvolvemento da Mariña”.
Desde a formación frontista, cren que é relevante analizar os orzamentos fóra da demagoxia e de triunfalismos e “cos datos enriba da mesa, vemos como dos 69,489 millóns de euros que se contemplaron no 2103 para esta comarca en investimentos reais, pasamos a atopar nestes orzamentos para o 2014, 18,3 millóns de euros. Unha partida irrisoria se temos en conta o déficit en infraestruturas que ten A Mariña e que con eses fondos non se plantexa ningunha nova inversión, máis que unha partida simbólica para un estudo na autovía de conexión Barreiros-San Cibrao. Polo tanto, a maioría dos fondos irán destinados a rematar unha A-8 que acumula anos de retraso e que se está a caracterizar polos problemas que está xerando en zonas coma Mondoñedo onde, ademais de deixar a esta vila practicamente illada pola ubicación dos accesos, as obras está a provocar escorrentías e inundacións”.
Pero é que ademais, estes orzamentos non contemplan ningunha partida específica para arranxar estes problemas, tal e como anunciaron Jaime de Olano e Elena Candia. Tal e como contestou o Secretario Xeral de Infraestruturas á pregunta da Deputada no Congreso polo BNG, Rosana Pérez, non existe partida concreta para arranxar as escorrentías en Mondoñedo, xa que “non ten reflexo directo nos Orzamentos e financiarase a través do orzamento de conservación”.
Con esta resposta do alto cargo de Fomento, os nacionalistas non dubidan en calificar a actitude dos responsables populares mariñáns de “demagóxica e embusteiros, querendo enganar ás veciñas e veciños anunciando unha solución concreta que non existe”.
“Parece que ao Partido Popular da Mariña non se lle dan ben as contas, parece que só sabe restar, recurtar, que é o que levan facendo desde que chegaron ao goberno. E aínda que pretendan tapar os seus recortes con anuncios trampa, as veciñas e veciños da Mariña ven cada día como o Partido Popular está máis preocupado de gobernar para os ricos e quitar dereitos ás maiorías que de solucionar os problemas da xente”.
“O que estamos vendo todos os días é un Partido Popular que ataca directamente ás persoas usuarias do ensino, dos servizos sociais, da sanidade… e o único que fan para xustificarse é tapar a súa falta de traballo con anuncios pantasma, mentindo e confundindo á xente ou con campañas de caridade máis propias doutros tempos que de representantes políticos do século XXI”, manifestan desde o BNG da Mariña.
“O que lle pedimos ao Partido Popular é que actúe como goberno e que se deixe de campañas e anuncios para o seu lavado de cara. Que se comprometa a garantir os investimentos que precisa esta comarca, tanto en infraestruturas como en políticas sociais e que se poña a traballar dunha vez para defender os intereses das e dos mariñáns, que é para o que a xente os escolleu”, conlúen desde o BNG.