Barreiros, 11 de outubro de 2013. O Concello, a través da Omix e da biblioteca, organiza varios talleres para adultos e cativos. A inscrición estará aberta ata o vindeiro 23 de outubro na oficina de información xuvenil.
Os nenos e as nenas empadroados en Barreiros e que teñan de 5 a 12 anos poderán participar nun taller de adquisición de valores a través da lectura, comprensión e expresión e de técnicas de relaxación e concentración. O obradoiro desenvolverase durante os meses de novembro e decembro os mércores de 18:15 a 19:15 horas na biblioteca pública municipal. Segundo explican desde a Concellería de Cultura e Xuventude “trátase dunha actividade gratuíta e con prazas limitadas. Admitiremos ata un máximo de 15 participantes”.
Os técnicos responsables deste obradoiro son Eladio Esteban e Mª José Perdiguero. A inscrición estará aberta ata cubrir as prazas ofertadas, na oficina de información xuvenil e na biblioteca.
O Concello tamén organiza un taller de técnicas de relaxación, respiración e concentración para adultos. Terán preferencia os empadroados en Barreiros. O obradoiro impartirase no centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro os luns e os venres e 10:30 a 11:30 horas durante os meses de novembro e decembro. O técnico responsable é Eladio Esteban.
Esta actividade tamén é gratuíta. Os interesados en asistir poden inscribirse ata o 23 de outubro na oficina de información xuvenil e na biblioteca.