Ribadeo, 16 de outubro de 2013. O vindeiro domingo, 20 de outubro, segue en Ribadeo o ciclo Músicas posibeis coa actuación do grupo bretón Liù. Será a partires das 19 horas no Cine Teatro.
O concelleiro de Mocidade, Xavier Campos, sinalou esta mañá que “se trata dun ciclo xa moi consolidado que está traendo á nosa vila a artistas das máis diversas procedencias, pero unidos todos eles pola alta calidade das súas propostas musicais”.
O edil nacionalista sinalou que “neste caso temos un grupo da Bretaña francesa, que se chama Liù e que se caracteriza pola mestura de sons tanto tradicionais do seu propio país, coma doutras partes do mundo, doutras partes de Europa, músicas africanas… É unha proposta moi suxerente e difícil de ver en vilas do tamaño de Ribadeo”.
Campos engadiu que “nos parece moi interesante transmitila e comunicala para que todos os afeccionados á música na Mariña e no Occidente de Asturias teñan ocasión de disfrutar deste grupo en Ribadeo. Será o domingo, a partires das sete da tarde no Teatro”.