O Pleno de Riotorto aprobou na sesión celebrada o pasado luns una moción elaborada pola Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña no que se solicitaba manifestar o apoio deste concello aos veciños e ás veciñas beneficiarias de pensións percibidas no estranxeiro afectadas pola reclamación da Axencia Estatal Tributaria. Asemade demandábase instar á Xunta de Galiza a estabelecer mecanismos para colaborar con este concello na prestación de asesoramento a todas as persoas afectadas que o precisaren. Ao mesmo tempo esixían a adopción urxente das seguintes medidas como a anulación de todos os expedientes sancionadores instruídos pola Axencia Estatal Tributaria e que se lles notificaron nos últimos meses a persoas beneficiarias galegas de pensións no estranxeiro por non tributaren por estas cantidades nos exercicios a partir do ano 2008, tendo en conta o absoluto descoñecemento que tiñan desta obriga tributaria, a regularización da situación do período 2008/2012 sen fixar para as persoas que se atopen nesta situación nen regargos, nen intereses de demora, o inicio dunha campaña de información a todas as persoas afectadas das súas obrigas tributarias futuras, anulando os requirimentos relativos aos exercicios comprendidos entre os anos 2008 e 2012 e a revisión dos convenios marco con outros países para evitar que situacións deste tipo poidan volver a producirse no futuro. Xa por ultimo tamén demandaban do Goberno do Estado unha modificación lexislativa que fixe un mesmo réxime do IRPF con independencia de se estas proceden dun Estado ou de varios Estados.
A iniciativa que aprobou o Pleno de Riotorto cos votos de nacionalistas e socialistas e a abstención do PP é a primeira das que se debate nos Plenos da Comarca, xa que nos próximos días procederase ao debate da moción remitida polo colectivo dos emigrantes retornados que agardan que a iniciativa saia adiante nos diversos plenos aos que pensan desprazarse os membros dos colectivos o día do seu debate. Na proposta a Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña argumenta que “hai que constatar que estas persoas nunca recibiron ningún tipo de información en relación coa súa obriga de declararen as contías das pensións percibidas no estranxeiro. Existía un total descoñecemento da obriga de facer esa declaración anual do IRPF, o que confirma a falta de intencionalidade ou de defraudar por parte destas, e que se apoia co feito de os estados pagadores nunca lles expediren ningunha certificación en relación coas cantidades percibidas.Con estes antecedentes resulta sorprendente que, cinco anos máis tarde, reciban este tipo de requirimentos por parte da Axencia Tributaria, coa advertencia dunha posíbel sanción por non teren cumprido con obrigas tributarias que descoñecían. E cando os evasores fiscais se benefician de amnistías, constitúe unha auténtica inmoralidade a simple ameaza dunha sanción a estas persoas, traballadores e traballadoras emigrantes retornadas”.
Na mesma moción o colectivo indica que “até hai poucos días os expedientes sancionadores referíanse ao exercicio de 2008 e permitían a presentación en período voluntario das declaracións dos anos 2009, 2010, 2011 e 2012. Porén temos coñecemento de que recentemente hai persoas que recibiron expedientes que inclúen todos os exercicios, un feito que complica de forma moi relevante a súa situación. A única saída a esta situación é que o Goberno do Estado anule todos os expedientes sancionadores e que se inicie unha campaña para informar adecuadamente as persoas pensionistas afectadas das súas obrigas tributarias futuras, obviando os exercicios do período 2008-2012. Esta medida é a única razoábel e xusta tendo en conta a inexistencia de información e a ausencia de responsabilidade e por tanto de vontade de fraude por parte destas persoas”.
A Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña ten convocado unha nova xuntanza que se celebrará o venres 11 de Outubro ás 20:00 horas no Salón de Actos do CENIMA de Foz a fin de informar dos últimos acontecementos que se teñen dado en relación coa nosa problemática e demandas así como dos próximos pasos a dar para conseguir os nosos obxectivos.