Ribadeo, 4 de outubro de 2013. As xornadas de limpeza voluntaria nos ríos de Ribadeo chegaron tamén aos centros de ensino da vila. Medio cento de alumnos e alumnas do Sagrado Corazón acudiron este venres ao río de Rinlo.
O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, sinalou que “fomos cun grupo de 44 nenos e nenas do colexio Sagrado Corazón ao río de Rinlo. Alí lles explicamos que parte das cousas que aparecen no río van parar á ribeira e despois todos os efectos que eses residuos poden causar no noso entorno natural”. Os rapaces que participaron hoxe nesta actividade foron os de 3º de primaria e 4º de ESO en horario de 9:40 a 13 horas. O edil nacionalista dixo que “a intención do Concello e mesmo dos centros de ensino é a concienciación da sociedade no referente ao dano que se fai cos residuos” e engadiu que “os nenos saíron impresionados coa cantidade de lixo recollida e dispostos a contarlles aos seus proxenitores o acontecido no día de hoxe”.
Os alumnos e alumnas do colexio Sagrado Corazón estiveron acompañados polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e polo edil de Medio Ambiente, ademais de polas súas mestras.
O vindeiro luns, 7 de outubro, serán os alumnos e alumnas do Gregorio Sanz os que acudan a esta xornada. O grupo estará formado por 50 rapaces de 5º de primaria que irán de 10 a 13:45 “e faremos a continuación da ponte de Arante, polo río Grande. Iremos facendo todo ese río cos rapaces dos colexios de Ribadeo”, sinalou Horacio Cupeiro. Xa o 8 de outubro acudirán outros 53 participantes do Sagrado Corazón de 6º de primaria e o mércores, 9 de outubro, serán 53 os rapaces e rapazas de 2º de ESO do IES de Ribadeo os que acudan a esta actividade que organizan as Concellarías de Medio Ambiente e Mocidade.
O concelleiro de Medio Ambiente subliñou que “a xestión dos residuos que sacamos serán tratados axeitadamente por empresas autorizadas. A continuación da recollida no río facemos unha selección no punto limpo para mandar cada residuo ao seu sitio”.
Ademais Horacio Cupeiro lembrou que “desde o Concello organizamos unha nova xornada de limpeza de ríos con voluntarios. Neste caso será no río de Arante entre o muíño e a Ponte de Arante. Os que queiran colaborar poden achegarse á estación de autobuses á nova da mañá e os que queiran desprazarse polos seus medios deberán estar na Ponte ás nove e media da mañá deste sábado, 5 de outubro”. O edil ribadense pide “a colaboración da cidadanía en aras de conseguir un medio ambiente sostible do que se poidan sentir orgullosos os nosos herdeiros”.
A primeira destas xornadas con adultos tivo lugar o pasado 28 de setembro e continuará os días 12 e 19 de outubro.