Este venres o Portavoz e Coordinador Territorial de UPyD en Galicia, Gonzalo Fernández Piñeiro, presentou no Rexistro do Parlamento de Galicia unha Iniciativa Lexislativa Popular para o cambio da actual Lei de Eleccións ao Parlamento de Galicia.
Esta ILP busca sobre todo a proporcionalidade en tres aspectos:
a) Proporcionalidade no reparto de escanos entre as circunscricións.
b) Proporcionalidade na atribución de escanos ás candidaturas de cada circunscrición.
c) Proporcionalidade no tratamento dos restos electorais que, realizado a nivel de toda Galicia, prescinde da regra d’Hont.
Estes tres puntos resúmense nun claro obxetivo: que todos os votos teñan o mesmo valor con independencia do lugar no que se depositen.
Ademais a ILP desenvolve e modifica outros aspectos clave que atañen á limpeza e transparencia dos procesos electorais tales como o desbloqueo das listas electorais, o endurecemento do réxime de incompatibilidades e a utilización de fondos públicos durante as campañas.
Unha vez admitida a trámite esta iniciativa, UPyD comezará unha campaña de recollida de sinaturas por toda Galicia en apoio da proposta.