O seleccionador nacional, José Venancio López Ferro, apadriñará a apertura oficial do Curso 2013-14 de Adestradores de Fútbol Sala da Federación Galega de Fútbol o vindeiro sábado, en Burela. O técnico da Vermella estará arroupado polo directivo do Comité de Fútbol Sala da FGF, José Luis Sáez, e o coordinador dos ciclos e director da ED Burela FS Pescados Rubén, Alfonso Mera.
O IES Monte Castelo acollerá o relatorio do acto inaugural, “Planificación e organización da Selección Nacional Absoluta. Mundial de Tailandia 2012” (11.00 horas), destinado principalmente aos futuros técnicos, pero tamén a xogadores/as, adestradores e todas aquelas persoas interesadas no tema.
Matrícula
A matrícula para os tres ciclos que neste curso se ofertan en Burela aínda estará aberta uns días. O de Instrutor de Fútbol Sala Base Nivel 1 pechará o domingo 20 de outubro as probas de acceso e a formalización da matrícula o venres 1 de novembro; o prazo para o de Adestrador Territorial de Fútbol Sala Nivel 2 concluirá o luns 21 de outubro e o de Adestrador Nacional de Fútbol Sala Nivel 3 estará aberto ata o luns 4 de novembro.
Logo de dous anos albergando o ciclo de Instrutor, o IES Monte Castelo amplía a oferta en 2013-14, incluíndo a formación de Adestrador Territorial e Adestrador Nacional.