Este sábado 5 de outubro vaise desenvolver no Pavillón Municipal de Deportes de Xove o IV ENCONTRO DE PALILLEIRAS ‘Coas Nosas Mans’. Un total de 250 palilleiras anotáronse para asistir a este encontro, procedentes de Coruña, Xixón, Sarria, Vimianzo, Camariñas, Navia e dos concellos mariñáns de Mondoñedo, Foz, Burela, Cervo e Viveiro. Tamén se conta nesta edición con postos artesanais procedentes de Coruña, Vilalba, Cambados, Santiago, Cambre, Zas, Ponferrada, Ourense, Sarria, Viveiro e Foz.
O Encontro vai comezar ás 10:30 horas coa recepción de tódalas palilleiras. Ás 11.30 horas o alcalde Demetrio Salgueiro, acompañado pola Concelleira de Servizos Sociais Ana Abad e outras autoridades, vaille dar a benvida a tódalas participantes.
O horario de apertura para o públicos será de 10:30 a 13:30 horas pola mañá e de 16:30 a 19:00 horas, pola tarde. A entrada vai ser de carácter totalmente libre e gratuíto.
A organización deste evento corre a cargo da Concellería de Sanidade, Servizos Sociais, Xuventude, Muller e Igualdade do Concello de Xove, así como das profesoras Mercedes Barro Barro (bolillos) e Carmen García Fernández (bordado). Cóntase tamén coa colaboración da Asociación Cultural Saíñas, que animará o cotarro coas súas gaitas.