Rematado o ciclo de cine euroárabe programado o pasado mes polo Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA, deu comezo este xoves 7 de novembro un novo ciclo de actividades. Trátase dos “Xoves Musicais”, catro concertos dunha hora de duración que o colectivo de Viveiro organiza coa colaboración do Conservatorio Profesional de Música os catro xoves deste mes de novembro.
Carme Rodríguez, a moza ribadense que acompañou a Ses no concerto de Viveiro, abriu o programa dos “Xoves Musicais” o día 7 no salón de actos do Conservatorio de Música. Seguirán despois as actuacións do grupo “Sol en cuarta”, o xoves 14, un grupo de Canto do Conservatorio, o xoves 21 e rematará o ciclo o músico David Bellas, o xoves 28. Todas as actuacións darán comezo ás 20:30 horas.
O Colectivo tamén ten programada, o venres 29, na sala da Biblioteca Municipal, na antiga casa consistorial, un acto informativo coa profesora e economista Mª do Carme García Negro que falará sobre a importancia da pesca como un sector estratéxico na economía galega.
Todos os actos, tanto os “Xoves Musicais” como a intervención da prestixiosa especialista no sector pesqueiro, son de entrada libre até completar o aforo dos locais.