O 7 de xaneiro de 2010 o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas anunciaba a licitación para a elaboración do Plan Director de Mobilidade Alternativa dotado con 340.000 € cuxo obxectivo era o fomento dos modos de transporte non motorizados a incorporación de obxectivos ambientais na planificación e ordenación do territorio e das infraestruturas. A modificación do reparto modal neste sentido será o obxectivo fundamental deste Plan Director de Mobilidade Alternativa.
Adxudicado, entre outras, a Gea21 tiña un período de execución de 2010 a 2012 repartido en diversas fases.
A primeira delas cumpriuse o 08/10/11 coa presentación do documento de diagnose.
O 04/12/12 preséntase o borrador do documento “Criterios e recomendacións para o deseño e trazado de vías ciclistas” que sofre unha revisión en marzo do 2013, segundo consta na portada do documento.
Non se teñen máis novas sobre o tema ficando pendente, segundo a metodoloxía sinalada na páxina de referencia da web da Consellería, a redacción definitiva do Plan Director de Mobilidade Alternativa e o seu posterior desenvolvemento.
Para Espazo Ecosocialista faise necesario realizar un Plano de Mobilidade Sustentábel que contemple como prioridades a redución das necesidades de desprazamento, o trasvase de persoas usuarias de automóbil a outros modos de transporte, e potenciar os modos de transporte de menor impacto ambiental.
Xa no Informe sobre mobilidade elaborado por Espazo Ecosocialista en setembro de 2012 amosabamos cos indicadores existentes que Galicia moviase na dirección contraria á mobilidade sustentable.
Por iso, a traves do Grupo Parlamentar de AGE, Espazo Ecosocialista dirixirá unha serie de preguntas ao Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, a proposito do retraso na elaboración de dito Plano de Mobilidade, o seu encaixe na rede básica do territorio e a súa dotación orzamentaria.
Das respostas de ditas preguntas derivaranse outras iniciativas parlamentarias encamiñadas a un cambio no rumbo das actuais políticas da Xunta de Galicia nese tema.
Ver Informe sobre Mobilidade de Espazo Ecosocialista: www.espazoecosocialista.org/images/Informe%20sobre%20Mobilidade%202012%20Ecosocialistas.pdf.