Cervo, 5 de novembro de 2013. O BNG de Cervo expresou a súa solidariedade e apoio ao cadro de persoal da Cerámica de Sargadelos e agarda que as medidas previstas anunciadas nos medios de comunicación sexan menos contundentes no plano laboral do que se anuncian dende a empresa. Os nacionalistas descoñecendo o alcance da reestruturación de persoal previsto para Sargadelos e O Castro si queren poñer de manifesto o duro golpe que suporía para o emprego no concello de Cervo un recorte de persoal importante na planta de Sargadelos da que dependen moitos familias no concello.
O BNG lamentou que os expedientes de Regulación de Emprego xa executados pola dirección da empresa non tiveran resultados positivos a pesar dos enormes esforzos do cadro de persoal que xa supuxeron perdas de emprego relevantes. Neste sentido destacan que o persoal de Sargadelos xa sufriu varios EREs encadeados con perdas de emprego mediante despedimentos ou xubilacións incentivadas, ademais da reducións de xornada que supoñen perdas nas cotizacións sociais e ingresos para o cadro de persoal.
Os nacionalistas cervenses ademais constatan que as xestións e axudas ofrecidas pola Consellaría de Industria “ou non chegaron, ou non foron ben aplicadas, ou non serviron para os fins previstos” xa que é un feito que ningunha das previsións para garantir a viabilidade da empresa cumpriron os seus obxectivos.