Burela, 15 de novembro de 2013. O Concello repercutirá o incremento do canon de Sogama pola recollida do lixo nos recibos dos contribuíntes. Así se aprobou no pleno extraordinario celebrado esta mañá. A suba que experimentarán os usuarios domésticos e comerciais é asumible, segundo o alcalde, José Mª González Barcia.
O rexedor insistiu hoxe en que “a nós como equipo de goberno e coma cidadáns non nos gusta absolutamente nada esta medida, porque nós tamén somos contribuíntes e pagamos os nosos impostos, pero entendemos que a única alternativa pasaba por repercutir no recibo dos cidadáns este incremento ou que o Concello asumise os 71.000 euros que vai supoñer anualmente a suba do canon de Sogama”.
González Barcia subliñou que “si o Concello chegase a asumir eses 71.000 euros teríamos que paralizar determinados e programas e suspender determinados servicios que estamos a prestar para poder facerlle fronte a esa subida. E despois de estudiar as cantidades que cada familia terá que abonar con este incremento a verdade é que, aínda non gustándonos nada a suba, temos que recoñecer que é asumible. Cada familia pagará un euro máis cada dous meses, un bar pagará 3 euros máis cada dous meses e un local comercial onde non se producen residuos orgánicos pagará 1,20 euros de máis cada bimestre. Son cifras que son asumibles, a medida non nos gusta, pero non nos queda máis remedio ou suspendemos servicios e programas que están en marcha, como ter abertos os colexios pola tarde, os comedores escolares, etc, ou senón non nos queda máis remedio que repercutir ese incremento no recibo dos contribuíntes”. O rexedor lembrou que “si non tivésemos que pagar 1.300.000 euros en facturas pendentes que nos deixou o bipartito, igual o Concello podería asumir eses 71.000 euros”.
O alcalde lamentou que “por parte dos grupos da oposición se use calquera cuestión coma arma arroxadiza contra o goberno local e o preocupante do caso é que por parte do PSOE non se plantexou ningún tipo de alternativa. O señor Llano o único que dixo no pleno é que había que protestar para que Sogama non subise o canon, pero non plantexou ningunha medida alternativa, non nos dixo si non levamos o lixo a Sogama o podemos tratar desta maneira, si nos saímos de Sogama temos unha alternativa para tratar o lixo que é esta, si non lle pagamos a Sogama temos outra alternativa que é esta. Non plantexou ningunha medida alternativa, eu entendo que desde o PSOE o único que se busca é, dunha forma totalmente irresponsable, facer demagoxia e tentar confundir á xente con esta situación”.
E engadiu que “a maior parte dos Concellos repercutirán no recibo dos cidadáns o incremento do canon. O alcalde de Lugo díxoo e o PSOE non dixo nada e o dío o alcalde de Burela e o PSOE protesta. A min isto non me parece serio, os partidos políticos cando gobernan teñen que tomar decisións e teñen que asumir as súas responsabilidades. E nós explicamos con total claridade esta situación, non nos gusta aplicar este incremento, pero é que a alternativa é bastante peor á que plantexamos nosoutros”.