Coa finalidade de que todas aquelas persoas que precisan dispoñer dunha acreditación oficial das súas competencias profesionais e que poidan continuar co exercicio das súas actividades, a Dirección Xeral de Emprego e Formación convoca o procedemento para a acreditación das unidades de competencia en determinadas cualificacións profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, na Comunidade Autónoma de Galicia nas familias profesionais de Servizos Socioculturais e á Comunidade; Seguridade e Ambiente e Actividades Físicas e Deportivas
Segundo recolle o DOG, serán un total de 1.800 prazas nas unidades de competencia das cualificacións profesionais de:
– Atención sociosanitaria a persoas no domicilio (SSC089_2): 500 prazas.
– Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (SSC320_2): 500 prazas.
– Servizos para o control de pragas (SEA028_2): 100 prazas.
– Socorrismo en espazos acuáticos naturais (AFD340_2): 300 prazas.
– Socorrismo en instalacións acuáticas (AFD096_2): 300 prazas.
– Información xuvenil (SSC567_3) : 100 prazas.
Esta convocatoria terá en conta os principios que rexen o procedemento de avaliación e acreditación: o respecto dos dereitos individuais, a fiabilidade, a validez, a obxectividade, a participación, a calidade e a coordinación. Así mesmo, terá en conta o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes polo que se refire ao acceso ao emprego, de acordo co artigo 14 da Constitución española; a Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo; a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia; e a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.
A Consellería de Traballo e Benestar garantirá un servizo aberto e permanente que lles facilite información e orientación a todas as persoas que o soliciten. Así, os interesados poderanse informar nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia, Xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar; centros propios de formación profesional para o emprego da Consellería de Traballo e Benestar; Fundación Galega da Formación para o Traballo e no Instituto Galego das Cualificacións.
Requerimentos
As persoas que desexen participar no procedemento deberán cumprir os seguintes requerimentos:
a) Posuír a nacionalidade española; encontrarse incluído, como residente comunitario ou familiar deste, no ámbito de aplicación do Real decreto 240/2007, do 16 de febreiro,sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns da UE; ou ser titular dunha autorización de residencia en España en vigor.
b) Ter 20 anos cumpridos no momento de realizar a inscrición.
c) Ter experiencia laboral e/ou formación non formal relacionada coas competencias profesionais que se queren acreditar:
c.1) No caso de experiencia laboral: para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 2 e 3, xustificar polo menos 3 anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total nos últimos 10 anos, transcorridos antes de realizarse a convocatoria.
c.2) No caso de formación non formal: para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 2 e 3, xustificar polo menos 300 horas nos últimos 10 anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria. Naqueles módulos formativos asociados á unidade de competencia que se pretende acreditar que consideren unha duración inferior, deberanse acreditar as horas establecidas nestes.
d) Non estar matriculado nun curso de formación profesional inicial (ordinario ou modular) ou realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das unidades de competencia en que solicita a súa inscrición. Non posuír un título de formación profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña a/s unidade/s de competencia
que solicita, nin as súas equivalentes ou a acreditación parcial da/s unidade/s de competencia que solicita. Non estar inscrito noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera administración ou organismo público, conducente á acreditación das mesmas unidades de competencia.
2. Os candidatos, maiores de 25 anos, que reúnan os requisitos de experiencia laboral ou de formación indicados no punto anterior, e que non os poidan xustificar mediante os documentos sinalados na base 6 desta resolución, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento.
Prazos
O prazo de inscrición para as unidades de competencia das cualificacións profesionais de atención sociosanitaria a persoas no domicilio (SSC089_2); atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (SSC320_2); servizos para o control de pragas (SEA028_2) e información xuvenil (SSC567_3) será de 30 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Pola contra, o prazo de inscrición para as unidades de competencia das cualificacións profesionais de socorrismo en espazos acuáticos naturais (AFD340_2) e socorrismo en instalacións acuáticas (AFD096_2) abranguerá desde o 1 ao 31 de marzo de 2014, inclusive.
A resolución publicada no DOG deste martes 12 de novembro pódese consultar no seguinte enlace: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20131112/AnuncioCA05-061113-0003_gl.html.