Mondoñedo, 13 de novembro de 2013- A Xunta de Galicia iniciou este mércores as obras para o remate da pista cuberta do CEIP Álvaro Cunqueiro Mora de Mondoñedo, unha mostra máis, segundo anuncian os populares, “do compromiso, boa disposición e implicación” do goberno de Alberto Núñez Feijóo co municipio.
Polo tanto, os populares informan que na mañá de hoxe deron comezo estes acometidos dándose así resposta a unha demanda non só do Partido Popular, senón que tamén de todo o equipo directivo e docente do centro educativo, así como da Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) do colexio.
Os populares explican que dous dos seus concelleiros forman parte da comunidade educativa do CEIP Álvaro Cunqueiro Mora (Ramón García Geada e Teresa Freire), e que, polo tanto, os docentes manifestaron en reiteradas ocasións a súa implicación para que esta infraestrutura fose unha realidade, converténdose nun compromiso electoral asumido polo PP.
Deste xeito e unha vez trasladada a petición á administración autonómica; os populares agradecen a resposta da Xunta de Galicia e valoran o seu esforzo económico ao tempo que agardan que na menor brevidade posible os 206 alumnos do centro podan desfrutar desta pista cuberta.
Os populares explican que a cobertura xa está feita, porén, por problemas de cimentación a citada obra non puido ser rematada, dándose inicio esta mañá aos acometidos que permitirán finalizar esta infraestrutura demandada pola comunidade educativa e pola ANPA do centro.