Vilagarcía de Arousa, 11 de novembro do 2013 –Tee Travel e a Mancomunidade de Municipios de A Mariña organizaron, do 8 ao 10 de novembro, un famtrip para mostrar A Mariña lucense, conseguir un mellor coñecemento desta comarca e mellorar a súa comercialización. Esta viaxe de familiarización estivo conformado por touroperadores, axentes de viaxes especializados en sendeirismo e cicloturismo, blogueiros, Aser Álvarez, Director de Comunicación e Márketing na Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago de Compostela e Comarca e gañador do premio “Mestre Mateo 2013“; Xurxo Lobato, prestixioso fotógrafo galego, e Jordi Ferrer, director, programador e webmaster dun portal catalán de información de recursos turísticos de senderismo.
Itinerario famtrip
A viaxe comezou o venres 8 de novembro no Parador de Ribadeo, e os participantes foron recibidos pola delegada da Xunta de Galicia, Raquel Arias, o presidente da Mancomunidade de Municipios de A Mariña Lucense e alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, e o secretario do ente e alcalde de Foz, Javier Castiñeira. Logo de presentarse o destino e o producto celebrouse unha cea no restaurante local San Miguel, un balcón sobre a ría que divide Asturias e Galicia.
A mañá do día 9 o grupo realizou un tramo do Camiño do Norte, e un paseo pola Ruta do Mar, que finalizou na Praia de As Catedrais, elixida a mellor de España, segunda de Europa e sexta mundial, nos premios Travellers’Choice Playas 2013. Despois de xantar no restaurante A Cofradía de Rinlo, especialistas en arroz caldoso de marisco, visitaron Mondoñedo con Suso Martínez, guía turístico oficial de Galicia. O grupo tamén aproveitou para coñecer o Museo Catedralicio e Diocesano de Mondoñedo, onde
foi recibido por Simonetta Dondi, marquesa dall’ Orologio e conservadora do Museo. Esa mesma tarde tamén participaron nun taller de alfarería, por Chus Lage, situado no mindoniense barrio dos Muíños, que se ubica nun antigo alfar que aínda conserva o forno de leña tradicional, e que antes foi de Delfeino Freire, O Vendaval, polo que Cunqueiro sentía pública admiración. Para Chus Lage, de Rutas de Artesanía na Mariña, “o torno relaxa, permíteche falar, pensar…” Como última actividade da xornada, os participantes do famtrip asistiron a unha cea no restaurante Casa Damián, en Foz, que contou coa divertida actuación do Mago Teto, actividade relacionada coa segunda edición do Mes da Maxia.
Para a mañá do día 10 organizouse unha bonita e agradable ruta en bicicleta pola Vía Verde, que parte da antiga estación de A Pontenova, e onde hoxe se encontra a Oficina de Turismo (situada xunto aos fornos). Por último, celebrouse un almorzo no Parador de Ribadeo para despedir con éxito aos participantes desta viaxe de familiarización.
Desde SOLOBIKE, axencia madrileña participante no famtrip, recoñecen que se consideran tremendamente afortunados porque “desde Tee Travel fixéronnos sentir a súa hospitalidade, profesionalidade, entrega, un derrocha de simpatía e enerxía… Coñecemos outro lado maravilloso da súa terra, que a facemos nosa, pero cunha compañía, sen dúbida, inigualable. Agradecémoslle a súa dedicación e que nos enseñaran parte dos tesouros que garda Galicia. Sen dúbida, profesionais e persoas que nunca olvidaremos”.
Acordo Tee Travel e a Mancomunidade de Municipios de A Mariña
A Mancomunidade de Municipios de A Mariña subscribiu este pasado verán un acordo con Tee Travel – axencia de viaxes maiorista-minorista, especializada en sendeirismo, cicloturismo, enoturismo e viaxes culturais- para potenciar o carácter diferencial de A Mariña como destino turístico. O obxectivo é poñer en valor os recursos da zona e difundilos en aqueles mercados potenciais de interese. O contrato establece as bases de colaboración para dinamizar e fomentar o turismo a través de actuacións concretas coma: o desenvolvemento dun novo producto ‘La Ruta del Mar: escapada a pe A Mariña (Costa de Lugo)’, unha selección dos mellores camiños, paseos e sendeiros para coñecer o litoral Cantábrico desde Ribadeo á localidade de San Cibrao. Este acordo tamén inclúe a creación dun boletín para enviar tanto a axentes de viaxe coma particulares, e a touroperadores de falas hispana e portuguesa; a edición dun folleto para distribuir nas feiras, ademais das bases de datos propias de clientes directos da axencia arousá, touroperadores, colectivos e empresas en todo o territorio nacional e internacional, facendo especial fincapé nas áreas onde se detecte maior demanda; difusión sobre A Mariña lucense na web e redes sociais en twitter e facebook a través do hashtag #sonfamdamariña; e a organización do famtrip para promocionar o destino turístico entre axentes de viaxes, operadores turísticos, bloggers e periodistas.