Barreiros, 13 de decembro 2013. Este domingo, 15 de decembro, clausúrase en Viveiro a exposición do artista plástico barreirense Celso Dourado titulada Represaliados, que se expón na biblioteca municipal de Viveiro dende o pasado 30 de novembro.
A exposición estivo organizada polo colectivo cultural Pensamento e Sementeira. Represaliados é unha serie de cadros de Celso Dourado na lembranza do comandante Moreno, “onde o motivo principal a representar son pés. Da unha idea do que foi a represión naquela España do 36; as cores son moi importantes: o morado republicano, o verde esperanza, o vermello, o amarelo, … E todo iso configura o forte desta exposición, que ten moito contido social e emocional; é figurativa, por suposto, e non deixa indiferente a quen a visualiza”.
Os que aínda non viron a mostra poden aproveitar ata o vindeiro domingo, 15 de decembro, para visitala en horario 19 a 20:30 horas.
Celso Dourado amósase satisfeito pola acollida que está a ter esta exposición en Viveiro, ao igual que aconteceu en Mondoñedo, onde estivo tamén hai unhas semanas.