Lugo, 10 de decembro de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, vén de asinar un convenio de colaboración con José Reigosa García, en representación da Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (ASPNAIS), polo que a institución provincial aporta 5.000 euros para o desenvolvemento do “Programa de intervención psicolóxica en persoas con discapacidade intelectual” que desenvolve a nomeada asociación.
Grazas a esta colaboración da Vicepresidencia da Deputación, que é unha nova proba da aposta do organismo provincial pola igualdade de oportunidades para as persoas con capacidades diferentes, fomentarase a integración social, educativa e laboral das persoas con algún tipo de discapacidade intelectual, ao mesmo tempo que se mellorará a súa calidade de vida e a das súas familias.
Neste sentido, Antonio Veiga explicou que “a diferenza do Goberno do Estado e a Xunta de Galiza, que non fan máis que levar a cabo medidas que merman o dereito ao acceso ao Benestar Social, desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apostamos polo benestar das persoas, máis aínda canso se trata de colectivos en risco de exclusión social, como pode ser o caso do das persoas con capacidades diferentes”.
ASPNAIS é a única asociación que traballa de forma global coas persoas de discapacidade intelectual adulta desenvolvendo transversalmente múltiples tarefas para a integración. O programa de intervención psicolóxica que é obxecto do convenio asinado hoxe, e forma parte dese conxunto de actividades que promove a asociación, facilitará o desenvolvemento dun conxunto de habilidades que mellorarán as interaccións, a nivel persoal, das persoas con discapacidade intelectual, traballando sobre as diferentes dimensións da personalidade para lograr un maior autocoñecemento e aumentar a calidade das interaccións en distintas situacións sociais.
“Mentres que o Partido Popular se escuda na crise económica para converter en negocio a prestación de políticas sociais e, en consecuencia, facer máis profunda a fenda social, desde a área de Benestar Social da Deputación desenvolvemos e apoiamos proxectos que cren na igualdade de dereitos, como este programa de intervención psicolóxica para persoas con capacidades diferentes promovido por ASPNAIS”, concluíu o vicepresidente.