Santiago, 12 de decembro de 2013.- O Parlamento galego celebrará a vindeira semana dúas sesións plenarias: unha primeira extraordinaria, para o debate e aprobación definitiva dos orzamentos da Xunta de Galicia; e unha segunda ordinaria, na que se procederá ao debate para a súa aprobación dos proxectos de lei de emprendemento e a competitividade económica; de caza; e de racionalización do sector público autonómico. O Grupo Popular incorporou a esta sesión unha proposición no de lei a través da que se insta á Deputación Provincial de Lugo para que rectifique e modifique as bases do Programa Temporal de Fomento do Emprego, que deixa fóra a 9 de cada 10 desempregados lucenses e ao que só poden aspirar 12 dos 67 concellos da provincia.
Pedro Puy informou, ademais, que ao inicio do pleno extraordinario de orzamentos tomará posesión como deputada do Grupo Popular Rosa Oubiña. “Trátase do relevo número once que se fai neste grupo parlamentario nesta lexislatura e ocupará o mesmo escano que deixou baleiro o novo director xeral de Administración Local, Alberto Pazos”, concretou.
GALICIA É CRIBLE
Respecto ao Pleno extraordinario para o debate e aprobación dos orzamentos da Xunta para o ano 2014, o portavoz popular dixo que este debate “conflúe cun momento económico no que se albisca a fin da recesión, o primeiro paso para saír da crise”. En concreto, apuntou que “a recadación en Galicia comeza a incrementarse despois de moitos anos e unha segunda axencia tamén eleva a cualificación da débeda galega”.
“Estase a confirmar que Galicia é crible e que existe confianza na economía española, e especialmente na galega, o que ten un efecto inmediato nas familias, porque o financiamento da comunidade autónoma vai ser máis barato”, manifestou.
O pleno ordinario dará comezo o martes pola tarde. Respecto á orde do día, Puy explicou que o Goberno galego introduciu tres proxectos de lei e o Grupo Popular dúas proposicións non de lei e dúas preguntas. “É dicir, sete dos 22 puntos que integran a orde do día, polo que a oposición multiplica por tres o número de iniciativas que introducen Goberno e grupo maioritario na orde do día, co que ten capacidade dabondo para traer os temas que considere necesario, controlar e impulsar ao Goberno”, sinalou.
TRES NOVOS TEXTOS LEXISLATIVOS
A primeira das iniciativas lexislativas que se debaterán para a súa aprobación é o proxecto de Lei de emprendemento e a competitividade económica, “un dos fundamentais que levábamos no programa económico para a presente lexislatura”. Puy destacou “algunhas disposicións autenticamente revolucionarias” que incorpora este texto, como a supresión do carácter xeral das licencias previas para as actividades económicas en Galicia ou os incentivos fiscais que afectan ao imposto da renda, o imposto de sucesións e o imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.
“O proxecto de Lei de caza de Galicia ten unha importancia tanto a nivel territorial, pola extensión da actividade cinexética na Comunidade galega, como económico e social, porque estamos a falar de 450 tecores e arredor de 50.000 licencias de caza”, sinalou. Así mesmo, o portavoz popular afirmou que “incide en aspectos relevantes como a seguridade e a responsabilidade dos que participan na actividade”.
En terceiro lugar, debaterase para a súa aprobación o proxecto de Lei de racionalización do sector público autonómico, a través do que “o Goberno e o Grupo Popular pretenden incrementar o control e a transparencia na administración, así como reforzar a redución das cargas administrativas para as familias e as empresas nas súas relacións coa administración”. Neste sentido, Pedro Puy destacou que o Grupo Popular aceptou durante a tramitación parlamentaria unha emenda da oposición para que non se proceda á fusión do CIXTEC co Instituto Galego de Estatística.
Así mesmo, o Grupo Popular incorporou á orde do día desta sesión plenaria dúas proposicións non de lei. A primeira delas insta á Xunta a continuar co impulso do desdobramento do corredor do Morrazo, coa priorización do itinerario entre Rande e Cangas.
DISCRIMINACIÓN NOS CONCELLOS DE LUGO
“A segunda das proposicións non de lei do Grupo Popular pretende que o Parlamento se dirixa á Deputación Provincial de Lugo para que, en atención ás múltiples e maioritarias demandas dos alcaldes desta provincia, se proceda á modificación das bases que regulan o Programa Temporal de Fomento do Emprego impulsado por esta institución”, concretou o portavoz popular.
Sobre esta iniciativa provincial, Puy dixo que “deixa fora a 9 de cada 10 desempregados lucenses, ademais de que só poden aspirar a participar no mesmo 12 dos 67 concellos da provincia de Lugo, dos que 11 están gobernados polo PSOE ou o BNG”. “Parécenos que estamos ante unha iniciativa que ten unhas bases deseñadas ad hoc para producir un efecto discriminatorio entre os concellos e sobre todo para as persoas que poderían acceder a este plan de emprego, unha cuestión que non se produce cos plans desenvolvidos pola Xunta que van dirixidos a todos os concellos de Galicia e non conteñen unha filosofía discriminatoria”, engadiu.
Por último, as preguntas que realizarán os deputados do Grupo Popular ao Goberno galego versarán sobre a valoración da folga no eido asistencial e organizativo dos traballadores da sanidade pública de Galicia e sobre as medidas previstas para lograr unha maior eficiencia no emprego das axudas que se están a dar aos concellos para que avancen na elaboración do planeamento municipal.
COMPARECENCIAS DO GOBERNO
A preguntas dos xornalistas, Pedro Puy explicou que a ausencia de comparecencias de membros do Goberno galego nesta sesión plenaria ordinaria responde unicamente a “un problema de tempo material, unha vez que hai catro textos lexislativos e se cumpre sobradamente o regulamento en relación coas actividades de control e impulso ao Goberno”
En relación á solicitude da oposición para a comparecencia do Presidente da Xunta para dar conta da súa recente viaxe a Cuba, o portavoz popular recordou que o código ético e institucional que establece os criterios básicos para a regulación das viaxes oficiais, aprobado polo Consello da Xunta o 30 de decembro de 2010, contempla un epígrafe que fala de transparencia parlamentaria e recolle que o Presidente da Xunta, ou persoa na que delegue, comparecerá no Parlamento galego como mínimo unha vez durante o período de sesións para informar e explicar os obxectivos da axenda e das viaxes institucionais realizados fóra do territorio español.
“Este compromiso estase a cumprir porque a última comparecencia do director xeral de Relacións Exteriores tivo lugar no mes de xuño, e unha vez que estamos a piques de rematar este período de sesións o Goberno comparecerá na Cámara par explicar as viaxes ao exterior do Presidente da Xunta”, explicou.


















As deputadas do PP lucense no Parlamento galego, Raquel Arias e Nicole Grueira, e a alcaldesa de Cervo, Dolores García, mantiveron na localidade un encontro con mulleres vinculadas ao sector do mar co obxectivo de visibilizar e poñer en valor o seu papel fundamental na economía mariñeira e na vida das vilas costeiras. A reunión serviu como espazo de diálogo e recoñecemento ao traballo que durante anos desenvolveron mariscadoras, redeiras e outras profesionais do sector. As populares manifestaron a súa defensa da igualdade e aseguraron que “sen as mulleres o sector do mar non se atende”.
Será na Explanada do Círculo Habanero, en carpa climatizada. Programa: 13:30: Sesión vermú con Dúo Puma. 14:30: Xantar (fabada, costela con patacas, sobremesa, café e bebida). Prezos: Socios 20 €. Non socios 30 €. Nenos 6–12: 15 €. Menores de 6 anos: gratis. Entradas: domingos 15 e 22 de marzo, de 11:30 a 13:30 no Local Social. Contacto: 682 06 57 07
A feira instalarase na Praza da Constitución e contará con showcookings, catas, música en directo e actividades para todos os públicos. O sábado haberá demostración culinaria con Marcos Pereiro, sesión vermú, talleres infantís e concertos de 9Louro e Mondra. O domingo incluirá showcooking de Miguel Mosteiro, novas catas e a tradicional sesión de baile no Centro Cultural.
Pode visitarse ata outubro e explica como se producía o ferro na antigüidade. O documental “Da pedra ao ferro” publicarase proximamente na web do Museo.
Asistiron o tenente coronel Rubén García Díez, que é xefe do Grupo de Honores da Garda Real; o comandante Féliz Rodríguez Alcántara, segundo xefe do Grupo de Honores da Garda Real; o capitán Miguel Martínez Vilela, xefe da Escuadrilla Plus Ultra da Garda Real; así como persoal da devandita escuadrilla. O obxectivo da xuntanza foi coñecer a labor deste grupo do Exército, as actividades que desenvolve e a posibilidade de que algunha delas se poida levar adiante en Ribadeo. Tamén participaron a concelleira de Seguridade, Montse Seijo, e o xefe da Policía Local, Andrés Redondo.
Ás 12:00 h, no Parque Ramón de Campoamor, terá lugar o acto institucional de homenaxe. Pola tarde, no Casino de Navia, haberá actividades abertas ao público: 18:00 h – Recital “Poesía que nos une escondida entre renglones”. 19:00 h – Encontro coa escritora Matilde Suárez, Premio “Ría del Eo”. A alcaldesa, Ana Fernández, destacou o compromiso de Navia por recuperar e poñer en valor o legado do poeta e consolidar o concello como referente cultural.
Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.



