- Xurxo Souto visitará Ribadeo este venres 2 de outubro para presentar o seu último libro, A novela do bravú. Aproveitando a súa presenza, realizarase un pequeno percorrido polas “Palabras na varanda”, a iniciativa que desde maio enche de cor e de letras galegas os balcóns da vila
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.
- Daniel García achegouse este domingo a Ourol, onde se celebraron as IV Xornadas Etnográficas da Mariña, organizadas pola Asociación Tecedeira co apoio da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación
O espectáculo participativo A verbena de antes -con O Xeito e Airiños da Freba-, ao mediodía, e unha mostra etnográfica e as actuacións de Amado Lar e A Volta do Agro, pola tarde, protagonizaron o último día das Xornadas, pensadas como un punto de encontro da cultural tradicional galega,e especialmente da comarca da Mariña.
- O Concello de Vilalba participou na homenaxe á actriz Cristina Castaño na Semana de Cine de Lugo, onde o tenente de alcaldesa Eduardo Vidal destacou o vínculo da intérprete coa vila e o orgullo que supón a súa traxectoria
Tamén puxo en valor o labor de Fonmiñá e a importancia dunha cita cultural que cumpre 48 edicións. Para Vilalba, a incorporación da actriz ao Paseo do Cine é un recoñecemento que a vila sente como propio.
- O Salón de Actos de Xove encheuse este venres de ilusión, maxia e aprendizaxe coa actuación do Mago Rafa, que presentou o seu espectáculo “Abrazando a igualdade” para todo o alumnado do CEIP Pedro Caselles Rollán
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
- Foz protagonizou este venres o programa Voces de Lugo, de RadioVoz, que se emitiu en directo de 12 a 14 horas desde a cafetería Marexada para toda a provincia
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.
- Lucía Legazpi López, a afortunada co Pasaporte de Acisa, voou estes días a Lanzarote para gozar do seu premio
Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
- Unha ITV móbil para inspección de vehículos agrícolas estará no mercado gandeiro de Vilanova de Lourenzá os días 5, 6, 7 e 8 de outubro
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web www.sycitv.com.