Lugo, 26 de febreiro de 2014.- O deputado do Grupo Popular e secretario do Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro, salientou este mércores os máis de 300.260 euros que os dezaseis concellos da Mariña lucense recibirán da Xunta para o sostemento dos seus servizos sociais.
Estas achegas económicas teñen por obxecto servir de financiamento directo entre outros a servizos tan básicos e esencias como os de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia ou os gastos correntes nos que incorren as entidades locais para a realización dos seus diversos programas de Benestar.
O deputado popular quixo poñer en valor os esforzos que o Goberno galego está a realizar nunha situación de crise e restricións orzamentarias para promover unha efectiva cooperación e apoio aos concellos, e asegurar, cos recursos económicos necesarios a calidade e cobertura dos servizos sociais municipais.
Dáse a circunstancia ademais que as diversas reformas normativas promovidas polo Goberno do Partido Popular neste ámbito permiten axilizar o financiamento dos servizos sociais comunitarios dos concellos establecendo dúas vías diferenciadas: por unha banda, as axudas para a prestación de servizos sociais comunitarios básicos, que será unha transferencia anual; e por outra banda, a axuda no fogar para persoas dependentes, que se liquidará trimestralmente
AXUDA NO FOGAR
No que se refire ao servizo de axuda no fogar para persoas dependentes, este servizo financiábase ata o momento a través da orde anual de subvencións. A partir de agora as transferencias serán de carácter trimestral, o que sen dúbida aliviará a situación financeira dos concellos e contribuirá a mellorar a calidade na prestación deste servizo.
A contía calculouse en función do número de persoas atendidas e das horas mensuais de atención realmente prestadas. A posta en marcha dunha nova aplicación informática –á que xa poden acceder actualmente os concellos- permitirá coñecer de forma automática o número de persoas atendidas e o número de horas de prestación que reciben.
Ademais, esta normativa permite a concesión de anticipos nos catro primeiros meses do ano dunha parte das axudas correspondentes a cada entidade local no eido dos servizos sociais comunitarios básicos contribuíndo deste xeito a que as dificultades financeiras que puideran ter os concellos non repercutan nunca nun empeoramento do servizo.
As transferencias recibidas polos concellos da Mariña son:
Concello de Alfoz | 15.013,00 € |
Concello de Barreiros | 15.013,00 € |
Concello de Burela | 30.026,00 € |
Concello de Cervo | 30.026,00 € |
Concello da Fonsagrada | 15.013,00 € |
Concello de Foz | 15.013,00 € |
Concello de Lourenzá | 15.013,00 € |
Concello de Mondoñedo | 22.519,50 € |
Concello de Ourol | 15.013,00 € |
Concello da Pontenova | 15.013,00 € |
Concello de Ribadeo | 30.026,00 € |
Concello de Trabada | 15.013,00 € |
Concello do Valadouro | 15.013,00 € |
Concello do Vicedo | 15.013,00 € |
Concello de Viveiro | 22.519,50 € |
Concello de Xove | 15.013,00 € |
300.260,00 € |