Ribadeo, 12 de febreiro de 2014. O alcalde, Fernando Suárez, anunciou este mércores que a finais de febreiro rematarán as obras de construción de dous novos servizos (baños) no centro de día A Concordia, nas que Concello e La Caixa están a investir 23.000 euros. Con estas novas dotacións a Xunta poderá ampliar o número de prazas do centro, que na actualidade conta con 18. O centro de día A Concordia é titularidade do Concello de Ribadeo, pero é xestionado pola Xunta de Galicia.
O rexedor explicou que “estamos entrando xa na recta final para ter concluída esta obra que iniciamos varias semanas atrás para dotar de máis equipamento ao centro de día A Concordia, de Ribadeo. Para iso dende o Concello, en colaboración coa obra social de La Caixa, financiamos unhas obras de máis de 23.000 euros, para facer dous novos baños adaptados con inodoro, con duchas, con lavabo, etcétera, e así poder cumprir coas esixencias que marca a Xunta para que posteriormente o goberno galego, que en definitiva a través do Consorcio leva a xestión do centro de día, poida ampliar o número de prazas”. Suárez Barcia lembrou que “actualmente o centro de día A Concordia ten 18 prazas, pero con este novo cambio estrutural do edificio poderíase ampliar ata 40 o número delas”.
Para o alcalde “sabendo que Ribadeo é un sitio onde todas estas prazas están cubertas e ademais hai lista de espera, podermos ter isto a disposición da Xunta para que dentro de pouco tempo poida ampliar as posibilidades e que moita xente que pregunta, porque o seu familiar está solicitando unha praza no centro de día, poida ter a oportunidade de poder acceder a ela porque se vai ampliar o número de prazas”.
Suárez Barcia confía “en que antes de que remate este mes de febreiro estean as obras rematadas e a ver se en pouco tempo os técnicos da Xunta lle dan luz verde tamén á ampliación administrativa do número de prazas do centro de día A Concordia, que é titularidade do Concello de Ribadeo pero que a xestión é levada pola Xunta de Galicia”.