Burela, 12 de febreiro de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, decidiu de forma voluntaria aplicar unha baixada no seu soldo de 100 euros netos ao mes. A medida ten efectos desde o pasado 1 de xaneiro e supón a adaptación á lei de reforma das administracións locais, aínda que non tiña a obriga de facelo. O seu salario bruto será de 45.000 euros anuais. Barcia subliñou que a día de hoxe segue a ter o mesmo patrimonio que cando chegou por primeira vez á alcaldía de Burela no ano 2005.
O rexedor explicou que decidiu baixar o salario que percibe con efectos desde o pasado 1 de xaneiro: “o descenso neto é de 100 euros ao mes para axustarme ao que marca a lei de reforma das administracións públicas”. E subliñou que “o fago de forma completamente voluntaria. A lei de reforma das administracións públicas di que a modificación salarial se aplicará en xuño de 2015, ou en todo caso a aqueles concellos aos que Facenda a mediados deste ano lles indique que baixen os soldos. Fágoo de forma voluntaria, non tiña porque facelo ata que Facenda nos dixera algo ao respecto, e axústome ao que marca a devandita lei”.
José Mª González Barcia considera que “isto é un exercicio de responsabilidade e axústase ao que os cidadáns hoxe solicitan dos responsables públicos. Eu non estou mediatizado por nada, nin ninguén me pediu nada. Fágoo exactamente igual que cando no ano 2005, na miña etapa anterior coma alcalde, tomei posesión e decidín facer unha declaración pública do meu patrimonio, que por certo segue a ser o mesmo”. O alcalde de Burela indicou que “teño un piso comprado en 1988, un apartamento adquirido en 1999 e un piso procedente dunha herdanza familia. Teño o mesmo coche que comprei no ano 2002 e tamén unha conta bancaria. O meu patrimonio é o mesmo que tiña no 2005, non variou en absoluto”.
O salario do rexedor burelés será de 45.000 euros brutos ao ano, de acordo co que marca a lei de reforma das administracións públicas. González Barcia cre que “isto é o que está a pedir a xente, piden que os responsables públicos fagamos un exercicio de transparencia e eu así o fago. Digo o que gaño e digo o que teño” e insistiu en que “é un tema voluntario, porque eu agora mesmo non estaba obrigado a nada nin por lei nin polo que poida dicir a oposición. Nese sentido eu débome aos cidadáns, e como eles me elixiron no seu momento para ser alcalde por iso os informo da miña situación persoal”.
O alcalde engadiu que “este asunto se realizou por decreto da Alcaldía e tal e como marca a lei será levado a pleno”.