Cervo, 21 de febreiro de 2014. O BNG de Cervo, despois de ter recibido avisos da veciñanza, sobre o cando menos “pouco coidadoso” xeito de proceder do goberno local nunha obra executada con medios propios municipais no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, declarado Ben de Interese Cultural en 1972. Os nacionalistas reclamaron no rexistro municipal informes e permisos de Patrimonio, protocolo de execución e toda a documentación relativa a estas obras ao considerar, unha vez visitadas que non se están executando conforme ao coidado que require a catalogación como BIC deste entorno natural e patrimonial.
Dende o BNG denuncian que o goberno local puido estar usando maquinaria pesada por riba de zonas do conxunto histórico sen seguir os protocolos de actuación para zonas de protección arqueolóxica e patrimonial. Executáronse movementos de terra e outros elementos propios do conxunto sen, en principio, atender a criterios patrimoniais nin realizar ningún tipo de prospección arqueolóxica previa nin seguimento por parte de persoal técnico de Patrimonio.
Os nacionalistas denuncian que as actuacións do concello parten dos danos provocados pola tala de varios árbores en mal estado pero inclúen melloras no canal da presa que curiosa e contraditoriamente na tarde de onte seguía ateigado de palés de obra, que ben puideran ser depositados alí ao executarse as referidas obras.
O BNG considera que os responsábeis municipais non fan seguimento das obras, ou non deron instrucións precisas sobre os protocolos a seguir nunha zona protexida como esta que require o máximo coidado e o cumprimento da lexislación, ao efecto de non danar ningún elemento patrimonial.
O BNG rexistrou nas dependencias municipais solicitudes para consultar a documentación referente ao proxecto das actuacións, permisos das autoridades de Patrimonio e protocolos de execución das obras. Así mesmo preguntan si previamente se realizaron catas arqueolóxicas tendo en conta o dano que podería causar o uso de maquinaria pesada na zona declarada BIC en 1972.