A Mariña, 4 de febreiro de 2014. A Xunta de Goberno Local de Muras aprobou o 31 de maio de 2013 a defensa procesual con cargo a fondos municipais do alcalde e dous concelleiros que xa non forman parte da corporación dende 2007. Os nacionalistas advirten que aínda contando con informe positivo da Secretaría Municipal, de terse abonado ou se abona, algunha cantidade á defensa xudicial antes do remate do xuízo estariamos diante dun caso prevaricación similar ao acontecido en Santiago de Compostela con edís do Partido Popular fai escasos meses. O BNG insiste na dimisión do alcalde acusado xunto cos outros dous edís que xa non forman parte da corporación de delitos medio ambientais para os que a fiscalía reclama seis anos de prisión e catro de inhabilitación.
O BNG ADVIRTE DUN POSÍBEL CASO DE PREVARICACIÓN PARALELO Á IMPUTACIÓN DO ALCALDE DE MURAS POR DELITOS MEDIO AMBIENTAIS
A fronte nacionalista anunciou que estará moi atento para saber se o concello de Muras abonou algunha factura da defensa xudicial do alcalde, Issam Algnam e outros dous concelleiros que formaban parte da Xunta de Goberno en 2005 para os que a fiscalía reclama seis anos de prisión e catro de inhabilitación por delitos medio ambientais pola execución dun camiño en Rede Natura sen contar cos permisos necesarios de administracións competentes.
Sinalan que a actual Xunta de Goberno en sesión celebrada o 31 de maio de 2013 aprobou que o concello asuma con cargo a fondos municipais a defensa procesual dos acusados que xa non forman parte da corporación. A pesar de que a asistencia letrada con cargo a fondos municipais foi informada favorabelmente pola Secretaría Municipal, dende o BNG advirten de que en ningún caso deberán facerse abonos dos gastos antes da sentenza xa que nese caso poderíase estar incurrindo nun posíbel caso de prevaricación. Así mesmo, non caso de sentenza de culpabilidade, os imputados deberán facerse cargo de todos os gastos da defensa e non as arcas públicas.
OS CONCELLEIROS QUE NA ACTUALIDADE APOIAN E FORMAN PARTE DO GRUPO DE GOBERNO DE ISSAM ALGNAM DEBERIAN TER COIDADO DO QUE ASINAN E APOIAN PARA NON VERSE COMPROMETIDOS
O BNG lanzou unha mensaxe aos concelleiros que na actualidade forman parte da Xunta de Goberno presidida por Issam Algnam, aos que convidou a coidarse á hora de votar ou asinar determinados documentos que os poden acabar comprometendo. Aseguran, dende o BNG, que o descoñecemento da lexislación non é eximente do seu cumprimento, cousa que puidera estar sucedendo o xuízo que agora está pendente da sentenza pola que a fiscalía lles reclama aos seus antecesores nos cargos seis anos de prisión e varios de inhabilitación.
INSITEN EN DEMANDAR A DIMISIÓN DO ALCALDE PORQUE AS PERSOAS IMPUTADAS NON DEBERAN FORMAR PARTE DA VIDA POLÍTICA
Os nacionalistas insisten en demandar a dimisión do alcalde ao considerar que “unha persoa visitante asidua dos xulgados e cunha acusación da gravidade que hoxe soporta o alcalde de Muras non debera estar un minuto mais na alcaldía”. Para os nacionalista mariñaos o Partido Popular lucense debe cesalo do seu cargo na dirección provincial do partido xa que do contrario é cómplice do descrédito e da desconfianza da sociedade na clase política.