Barreiros, 14 de febreiro de 2014. O alcalde, Alfonso Fuente, visitou este venres os colexios vellos de San Miguel. As obras de rehabilitación e reforma remataron e este sábado, 15 de febreiro, será a inauguración a partir das 18:30 horas, que organiza a asociación de veciños desa parroquia. No acto actuará a agrupación Arco da Vella e despois haberá uns pinchos para os asistentes.
O rexedor lembrou que “o investimento ascendeu a preto de 500.000 euros, incluídas as obras do acceso que executou o Concello. 300.000 euros corresponden á achega da Deputación Provincial de Lugo e os outros 200.000 euros foron sufragados con fondos municipais”.
Fuente Parga indicou que “hai xa uns días que Arco da Vella está a empregar esas instalacións coma local de ensaio e agora pouco a pouco haberá que ir dotando de contido aos colexios vellos de San Miguel”.
O alcalde subliñou que “coa apertura desta instalación remata o propósito do equipo de goberno de dotar a todas as parroquias dun lugar no que os seus veciños e veciñas se poidan reunir e onde se desenvolvan as actividades que organicen e organicemos desde o Concello. O edificio dos colexios vellos de San Miguel levaba moito tempo de deterioro e abandono e agora, tras esta obra, quedou nunhas condicións óptimas para ser utilizado”.