A Asociación Cultural Casa das Letras de Ribadeo ven de ser incluída no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago co número 202.
Entre os fins fundacionais da Asociación figura, de xeito expreso, a contribución á posta en valor das rutas xacobeas, facendo fincapé no Camiño do Norte.
De todos é coñecido que, dentro da súa programación de actividades, ocupa un lugar importante a promoción do Camiño de Santiago; así, nos últimos meses organizouse un ciclo de 5 conferencias que, baixo o título xenérico de XORNADAS DO CAMIÑO DE SANTIAGO, permitiu achegar aos ribadenses e visitantes os aspectos máis salientables do Camiño Norte no País Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia, así como o Camiño Primitivo na nosa Comunidade Autónoma. Foron impartidas por especialistas nas rutas xacobeas: Juan Ramón Fernández Pacios (O Camiño Norte en Galicia), Laureano García Díaz (O Camiño Norte en Asturias), Ricardo Polín (O Camiño Primitivo en Galicia) e Carlos Mencos (O Camiño Norte no País Vasco e Cantabria).
Pechará o ciclo o que foi Director do Centro de Estudos Galegos en Oxford, peregrino e ben coñecedor da Ruta Xacobea, John Rutherford.
Tamén en relación coa promoción do Camiño de Santiago, organizamos a presentación da “Guía del Camino del Norte” do periodista e director da Editorial Buen Camino, Carlos Mencos. Esta publicación (a mellor guía completa do Camiño Norte en todo o seu percorrido pola cornisa Cantábrica) xunto coa páxina web do mesmo autor (www.jacobeo.net) son a auténtica referencia para os peregrinos que pretenden facer esta ruta xacobea.
Por outra parte, a finais do ano 2013 acadouse un acordo coa S.A. de Xestión do Plan Xacobeo de facer un CADERNO DE VIAXE adicado a todas e cada unha das 8 rutas xacobeas recoñecidas oficialmente en Galicia; o día 5 de decembro presentouse o que corresponde ao CAMIÑO DO NORTE. Na actualidade xa estamos a traballar no caderno correspondente ao CAMIÑO PRIMITIVO.
Ademáis da promoción do Camiño de Santiago, a Asociación Cultural Casa das Letras segue desenvolvendo o proxecto CADERNOS DE VIAXE. En agosto de 2013 presentamos a primeira destas publicacións adicada a Ribadeo e con unha magnífica acollida.
Nestos momentos estamos a traballar, ademáis dos relativos aos Camiños de Santiago en Galicia, nun Caderno de Viaxe adicado A Mariña que verá a luz nos vindeiros meses. Cabe destacar que será prologado pola poetisa e académica mariñana LUZ POZO GARZA.
Paralelamente, estamos empezando a dar os primeiros pasos na procura doutro CADERNO DE VIAXES adicado a Viveiro.
Para este ano 2014 estamos coordinando unha actividade que para nós ten un significado especial e no que tratamos de involucrar a diferentes administracións e entidades que poidan facer realidade un programa de actividade o máis completo posible para que os ribadenses poidamos celebrar, como él se merecía, o CENTENARIO do nacemento de DIONISIO GAMALLO FIERROS. É de destacar a colaboración esencial e necesaria da Familia Gamallo.
E tamén estamos a deseñar un programa no que haberá conferencias, publicacións e exposicións que se desenvolverá no vindeiro mes de agosto.