Ribadeo, 19 de marzo de 2014.- A CIG Ensino ven de denunciar que Educación deixou de ofertar -como viña sendo ata agora- os cursos preparatorios das probas CELGA ao profesorado “colaborador” procedente dunha listaxe, elaborada cun baremo estabelecido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e cuns requisitos entre os que figura o ser “demandante de emprego en situación laboral de desempregado”. Dando estes cursos traballaban 476 persoas tituladas ata o de agora.
Segundo a Secretaria do sindicato na Mariña, Dores Fernández Abel, este profesorado impartía estes cursos sen ningún contrato de traballo e sen ser dado de alta na Seguridade Social. Ante esta situación irregular, a CIG-Ensino interpuxo denuncia perante a Inspección de Traballo que a resolveu, con data do 15 de novembro de 2013, recoñecendo a relación laboral entre a Consellaría de Educación e o profesorado “colaborador” dos cursos CELGA e dando de alta de oficio con efectos retroactivos nos períodos en que impartiran clases nos últimos catro anos. A propia inspección impón unha multa de máis de 200.000 euros á Consellaría pola actuación fraudulenta.
A CIG-Ensino, á vista desta resolución e da actuación fraudulenta da Consellaría, esixiulle á Secretaría Xeral de Política Lingüística que os próximos chamamentos se producisen mediante contrato laboral. Pero a Consellaría, no canto de continuar ofrecendo os cursos preparatorios CELGA ao profesorado en paro, opta por que sexa o profesorado en activo dalgúns centros de secundaria o que os imparta como horas extraordinarias, para así evitar a contratación do profesorado “colaborador” dos cursos preparatorios CELGA.
A CIG-Ensino rexeita que a Consellaría pretenda que o profesorado dos centros imparta estes cursos como traballo extra, actuando de mala fe e deixando ao profesorado desempregado sen esta posibilidade. Por iso, facemos un chamamento aos departamentos de Lingua e Literatura Galega para que, por solidariedade cos compañeiros e compañeiras en situación de desemprego, se neguen a impartilos porque esta medida supón destrución de emprego dado que para moitas persoas paradas supoñían unha importante axuda económica ademais de experiencia profesional.
“Hoxe en día aos docentes tócanos pelexar e loitar para restituír os nosos salarios e mellorar as nosas condicións laborais, mais non a conta de horas extras procedentes dun traballo que era desempeñado por profesorado en situación de desemprego” rematou Dores.