O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ó Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, e ó Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, deu conta este mércores da posta en marcha dun plan pioneiro de mellora da rede viaria provincial, a máis extensa de España ó superar os 4.200 quilómetros, que permitirá acondicionar as estradas provinciais dos 67 Concellos e aforrar 3 millóns de euros á Deputación. Gómez Besteiro explicou que se estrea una nova fórmula de recuperación e defensa do público ó empregar os medios do Parque Móbil para a execución desta iniciativa. Coa optimización dos recursos, evítanse contratacións externas e redúcense de 18 a 15 millóns de euros a achega que fai a Deputación con fondos propios.
Preto de 30 operarios e 25 máquinas son os encargados de realizar o plan, que consiste no acondicionamento con rego asfáltico dos puntos quilométricos que o necesiten e na limpeza de cunetas. O dispositivo iniciou os traballos en Friol, onde está a actuar na LU-P-1611. Trátase do chamado Cinturón Comarcal, a estrada máis extensa da Deputación con case 130 quilómetros, que transcorren polo Concello friolés, Guntín, Castroverde, Castro de Rei, Cospeito, Begonte, O Corgo, Lugo, Outeiro de Rei e Pol.
Finalizados os traballos neste vial, o dispositivo continuará coa execución do plan ata completar a rede viaria provincial. Durante 11 meses, que é o prazo de execución desta iniciativa, os operarios e máquinas da Deputación desprazaranse progresivamente por todos os Concellos lugueses para acondicionar as estradas provinciais.
21 millóns de euros
A Deputación de Lugo investirá este ano na mellora de rede viaria provincial 21 millóns de euros, a suma do novo plan que potencia o servizo público da Deputación máis o de Conservación, dotado de 6 millóns de euros. Estas dúas programacións complementan outras actuacións do Goberno Provincial:
– Multiplicou por 10 o número de quilómetros con aglomerado en quente, e hoxe son 1.000 os que contan con este material.
– Sinalizou os 4.200 quilómetros da rede viaria provincial tras décadas de abandono.
– Colocou máis de 3.400 sinais (entre circulares, triangulares e stop).
– Un milleiro de paneis direccionais, para alertar da presenza de curvas perigosas.
– Máis de 400 balizas de neve, moi necesarias en estradas de alta montaña.
– Sinalizou mediante hitos quilométricos todas as estradas da rede provincial, coa súa denominación. En total, colocou máis de 4.000 unidades.
– Instalou 13.000 metros de barreiras de seguridade e máis de 4.700 metros de proteccións de seguridade para motoristas.