Burela, 11 de marzo de 2014. Este martes deron comezo os traballos de arranxo da avaría que se produciu no emisario submarino de Burela. O alcalde, José Mª González Barcia, agarda que a finais da vindeira semana as obras estean rematadas. Será xa en xuño cando se realice unha inspección da totalidade do emisario “desde o espaldón do porto ata o seu remate para comprobar en qué situación se atopa”.
O rexedor sinalou que “hoxe mesmo pola mañá comezaron as obras para a reparación do emisario submarino no tramo onde todo apunta a que, debido ao temporal, rompeu a canalización, para intentar solucionar este problema canto antes”.
González Barcia explicou que “a avaría consiste na rotura dun tubo xusto onde forma un cóbado para saír por detrás do espaldón do peirao. Vai haber que levantar parte do asfalto da rúa do porto que vai pegada precisamente ao espaldón e tamén parte da beirarrúa para chegar a unha cota de aproximadamente -2 metros e substituír unha peza por outra. Trátase de onde está ese cóbado con dous tubos encastrados, un dentro do outro, ha que substituír os tubos que encastraban por outros que vaian atornillados. Desa forma vamos evitar por tódolos medios que unha situación como esta se volva producir outra vez no futuro”.
Sobre os prazos para a realización da obra o alcalde de Burela dixo que “tendo en conta que se empezou hoxe a traballar e que hai que encargar unha peza nova para substituír á que está agora danada, todo apunta a que a finais da próxima semana vai quedar a obra rematada e lista”.
José Mª González Barcia declarou que “en principio todo apunta á que a avaría é debida ao temporal que houbo o luns pasado. Probablemente xa estivera danada de antes, pero evidentemente o temporal que houbo hai unha semana foi realmente impresionante e polo tanto se había algún pequeno problema loxicamente traduciuse na avaría que temos agora”.
O alcalde burelés engadiu que “no que se refire ao resto do emisario de momento non se vai facer ningunha inspección. Vamos esperar a que se achegue máis o verán, a que as condicións do mar sexan mellores, tamén a que non haxa máis temporais e, coincidindo no tempo coas festas de Burela aproximadamente, si se realizará unha inspección xa submarina para ver o estado do emisario dende o espaldón ata o seu remate. En caso de que houbese algún dano evidentemente procederíase ao seu arranxo”.