Este domingo 23 de marzo celebrouse a oitava edición do Enduro Cidade de Tui, puntuable para o Campionato da Liga Galega da Moto de Campo e tamén, conxuntamente, para o trofeo LusoGalaico, cunha inscrición de luxo tanto en calidade de pilotos como en número, chegando ós 280 participantes.
Como xa é habitual neste tipo de probas, o Enduro Team Galipizza&Cía de Viveiro, creda fai pouco máis de 2 meses e con 35 socios, acudía a esta nova cita cos seus dous pilotos. Por un lado Santi L. Chao competía con Honda CRF 250 na categoría 4T Veteranos Pro; e por outro lado, Manuel G. Varela con Kawasaki KX220 na sempre disputada categoría Open 2T.
A carreira discurreu polos arredores de Tui, cuns percorridos moi pesados e tres tramos cronometrados por volta. Cun total de 12 cronos e case 150 kms. de percorrido total, as forzas reducíanse despois de 6 horas.
Aínda con todo, os dous pilotos do Galippiza&Cía lograban acabar a proba sen ningunha penalización e logrando entrar na zona de puntos. Sétimo posto para Santi e novena posición para Manuel.
Dende esta nova Asociación Deportiva e Cultural Enduro Viveiro, agradecen á organización da proba “a súa profesionalidade para lograr un enduro perfectamente organizado que fixo que a maioría dos pilotos saíran moi contentos e con gañas de repetir”. Ademais, tampouco queren esquecerse do seu patrocinador exclusivo, Galipizza&Cía, “que sen el isto non sería posible”.