Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2014.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia alerta dun temporal costeiro de nivel laranxa que afectará a partir desta madrugada as provincias da Coruña e Lugo.
Segundo as predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a partir das 06,00 horas espérase na costa oeste e noroeste da Coruña un fenómeno de mar combinada con ondas que irán aumentando ata acadar os 6 metros, 7 na zona de Ortegal-Bares. O temporal estenderase progresivamente polo norte e en torno ás 09,00 h chegará ao litoral de Lugo. O resto do litoral galego estará en nivel amarelo.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do 112 Galicia, informou da situación aos concellos das dúas provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.