Barreiros, 20 de marzo de 2014. O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, subliña que este ano non se incrementarán os impostos municipais e que tampouco se repercutirá nos veciños a suba do canon de Sogama. O rexedor asegura que a situación económica do Concello é estable e anuncia que de seguir así no 2015 incluso algúns impostos poderían baixar. Deste xeito resposta ás críticas vertidas nas últimas horas desde o grupo municipal do BNG, tras o pleno celebrado o pasado luns e no que se deu luz verde ao presuposto municipal para este ano que ascende a máis de 4 millóns de euros.
Ao rexedor barreirense sorpréndelle “pero non tanto as críticas do Bloque Nacionalista Galego ao presupostos de Barreiros porque de feito non quixo practicamente nin analizalos. Vemos que o debate o traslada aos medios de comunicación e non o fai no pleno”.
Fuente Parga alude á nota de prensa do BNG na que din que se vai ter que asumir o pago dun préstamo: “faltaría máis, os préstamos cando se piden son para pagalos. Non sei se hai que explicarlle ao Bloque outra vez que cando é unha subvención evidentemente non se paga, pero cando é un préstamo hai que pagalo. O que pasa é que como ultimamente o Bloque Nacionalista Galego se dedica a protestar por todo e a ir en contra da lexislación tódolos días tamén irán en contra de ter que pagar ata os préstamos que se solicitan. O Concello de Barreiros solicitou un préstamo para pago a provedores igual que outros Concellos, porque o Estado puxo a disposición á nosa disposición esta posibilidade para poder pagar ás empresas, non adebedarlles e poder cumprir eses períodos de pago, no que en Galicia somos dos máis cumpridores no pago, entre eles tamén o Concello de Barreiros”.
Para o alcalde de Barreiros as acusacións realizadas desde o BNG “están na liña da crítica que ven facendo o Bloque Nacionalista Galego. Hai que devolver o préstamo, pero nada dixeron en todos estes meses atrás cando o Concello xa tivo que pagar unha cantidade, incluso maior, tódolos meses para facer fronte ao canon de saneamento, que non se estivo repercutindo nestes últimos anos aos veciños de Barreiros”.
Fuente Parga segue a relatar que “por outro lado, no presuposto aparecen 185.000 euros para inversións reais, pero tamén vai un millón de euros para ese convenio que se ten firmado coa Xunta e coa Deputación. E que esa crítica parta do vicepresidente primeiro da Deputación Provincial indica que parece que non se decata dos convenios que firma o presidente, que ten asinado un convenio coa Xunta de Galicia e co Concello de Barreiros para executar obras no municipio. Esperamos que este ano a Xunta de Galicia adxudique unhas partidas de entre 4,5 e 5 millóns de euros para investimentos reais no noso concello”.
Ao rexedor parécelle “curioso tamén que o Bloque Nacionalista Galego critique agora o que se gasta en procesos xudiciais. Quen te mete neses procesos xudiciais non debe sorprenderse do que costa a defensa do Concello, que nestas últimas sentenzas están saíndo ben, pero hai que pagar a eses profesionais que se dedican a defender ao Concello de Barreiros ante as denuncias que fixo o Bloque Nacionalista Galego xuntamente co Partido Socialista cando gobernaban como bipartito na Xunta de Galicia”.
Alfonso Fuente subliñou que “en liñas xerais o presuposto de Barreiros segue manténdose igual que outros anos, segue contemplando partidas para investimentos”.
Sobre as críticas nacionalistas engadiu que “parece que non se quixeron decatar do último punto da orde do día do pleno, cando se aproba o plan económico financeiro, que di ben clariño que non se van subir os impostos no Concello de Barreiros; é máis, do ano pasado para este non subiron os impostos nin tampouco se vai repercutir aos veciños a suba de Sogama, porque o Concello de Barreiros está agora mesmo nunha situación estable e evidentemente iso lévanos a pensar que de seguir nunha situación similar no ano 2014 e veremos cando cerremos o ano, a 31 de decembro, e fagamos esa liquidación destes presupostos que se veñen de aprobar incluso poderemos estudar algunha rebaixa de impostos de cara ao 2015. Iso tamén vai depender de cómo vaia a economía a nivel xeral nestes país, porque se as cousas van ben as transferencias que nos ven facendo o Estado poderán incrementarse, non só en Barreiros senón en calquera outro Concello de España”.















Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.



