No seu primeiro Consello Aberto Nacional celebrado este sábado, Espazo aprobou polo 96% de votos que Modesta Regueira e Juan Martínez sexan os seus representantes na candidatura para as eleccións europeas que presentasen xunto a Esquerda Unida e Anova, dando continuidade á coalición Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Para esta elección Espazo dispuxo que, ademais dos 34 membros do Consello Aberto Nacional, puidesen participar directamente todos os seus membros e simpatizantes inscritos tanto para trasladar propostas de persoas como para votalas, cumprindo co mandato da súa II Asemblea Nacional.
Modesta Regueira é coordinadora nacional da formación ecosocialista,ten estudos de historia, traballa como media e posúe unha ampla traxectoria de militancia política e social en Vigo, foi membros do Comité provincial de Pontevedra do PSdG. Pola súa banda, Juan Martínez é veciño de Oleiros e tamén é membro da dirección nacional de Espazo, posúe estudos universitarios en Relacións Laborais pola UCM e pola USC e en xestión audiovisual pola UdC, traballou no sector da comunicación e é militante das CCOO.
Espazo Ecosocialista entende que a cabeza de lista de AGE sexa unha persoa de consenso, ligada a movementos sociais e favorecedora da unidade da esquerda, nese senso os membros e simpatizantes de Espazo por unanimidade entenden que a proposta coñecida de Lidia Senra para encabezar a candidatura de AGE para as eleccións europeas é idonea, destacando a súa traxectoria e capacidade para ser eurodeputada en representación da esquerda galega, e para defender os dereitos da cidadanía galega contra as políticas de austeridade e recorte impostas pola troika.
“Temos a responsabilidade de dar resposta á demanda dunha acción política transformadora e aberta que nos fixeron os máis de 200.000 votantes de AGE nas eleccións galegas, e a cidadanía que está mobilizada por toda Galicia en defensa dunha saída social e xusta da crise. Son razóns suficientes para sexan protagonistas do proceso que configure tanto as propostas programáticas como as persoas que as represente na candidatura para ser votadas” sinalan desde Espazo, polo que van emprazar a Esquerda Unida e a Anova a pór en marcha canto antes un proceso que permita a máxima implicación posible. Por iso “AGE ten que avanzar na súa condición de suxeito político de transformación artellándose como a ferramenta política da esquerda nacional galega”.