Os días 18, 19 e 20 de marzo celebráronse, un ano máis, as xornadas de convivencia cos usuarios da Fundación Eu Son de Burela coa colaboración das alumnas do Ciclo Medio de Perruquería do IES Perdouro.
“Durante estes tres días traballamos codo con codo para mellorar a sua estética, e sobre todo, e quizás o máis importante, reforzar os lazos que nos unen desde fai tres anos. Tan só, polo cariño que nos ofrecen, a ilusión coa que reciben os nosos coidados e o agradecidos que se mostran con nos, xa merece a pena seguir con este proxecto”, afirma Begoña Rodríguez Muñiz, xefa do departamento de Imaxe Persoal do IES Perdouro.
As alumnas realizaron traballos de corte de cabelo, manicuras, depilacións faciais, cor, masaxes, limpezas de cutis, peiteados… Eles, pola súa parte, colaboraron en todo momento para axudar a realizar peiteados e recollidos, e técnicas de maquillaxe de unllas. A última sesión dedicámola a mostrarlles as técnicas de barbeado. “Foi, quizás, o momento máis divertido”, recorda a xefa do departamento que matiza que “todos o fixeron baixo a supervisión dunha alumna do 1º ano”.
“Penso que estas xornadas son moi positivas, xa que, por unha parte sirven como práctica ás alumnas, sobre todo no módulo de “Peiteado e Estilismo Masculino”, e por outro lado relacionanse con outra clientela que non sexa a habitual”, afirmou Begoña Fernández.
Foron 26 as persoas que visitaron o taller de perrucaría repartidas en dúas quendas: unha de 10.00 a 11.45 horas e outra de 12.00 a 13.45 horas.
Rodríguez quere agradecer “aos monitores da Fundación Eu Son a súa axuda, ás miñas compañeiras de Departamento e sobre todo ao alumnado do Ciclo o esforzo destes tres días. Grazas tamén á dirección do IES por facer posible este proxecto”.
Así pois, despídese “como o fan os nosos amigos: dicindo “vémonos o ano que ven”.