O BNG lamenta a total indiferenza do alcalde de Burela en relación á problemática pola que atravesa o Hospital da Costa. No pasado mes de febreiro, a práctica totalidade do persoal médico do hospital comarcal denunciaba publicamente a situación do Hospital da Costa tras a súa incorporación na Área de Xestión Integrada. Case un mes despois dese comunicado, o alcalde de Burela continúa sen pronunciarse a este respecto.
Para o BNG burelao, o silencio de González Barcia só pode deberse a dous motivos, ben á indiferenza ante a delicada situación da sanidade pública en Burela e na Mariña, ou ben á falta de argumentos ante unha realidade que xa hai tempo que superou a ficción na que pretende instalarnos permanentemente o Partido Popular. Pasado case un ano desde a incorporación do Hospital da Costa na Área de Xestión Integrada, confirmáronse os peores prognósticos e hoxe podemos comprobar como as melloras comprometidas daquela polos líderes do PP non foron máis que promesas.
O anunciado Plano Director do Hospital da Costa quedou en papel mollado e aínda non se concretou a súa execución, prevista para 2013 nun prazo máximo de 6 meses, segundo anunciaban hai un ano o presidente da Xunta Núñez Feijóo e o parlamentario mariñao do PP, José Manuel Balseiro. Tampouco se sabe que foi do prometido Hospital de Día Oncolóxico e da Unidade de Cirurxía Vascular, melloras anunciadas no seu día polos líderes do PP e que a día de hoxe tampouco se materializaron.O incumprimento das melloras prometidas pon en evidencia a credibilidade do PP en materia sanitaria, que non só é cuestionada polo persoal sanitario do Hospital da Costa, senón que tamén polos propios pacientes que cada vez con maior frecuencia son derivados a Lugo para recibir atención sanitaria especializada.
O BNG burelao esíxelle ao alcalde que actúe de inmediato ante as denuncias do persoal sanitario e poña remedio ao deterioro que sofren as instalacións do Hospital da Costa.
En data recente producíase un desprendemento de parte do falso teito na zona de consultas externas do hospital e nos últimos días teñen aparecido distintas fendas en teitos e paredes do primeiro andar, na zona próxima aos quirófanos. Estes feitos poñen en cuestión o estado no que se encontran unhas instalacións con case 30 anos de antigüidade e que esmorecen mentres agardamos por unha ampliación que nunca chega. A este respecto é evidente que o centro hospitalario precisa algo máis que uns remendos ou calquera outra intervención con carácter paliativo, e que as actuacións que se leven a cabo deben procurar solucionar os problemas estruturais das antigas instalacións, así como realizar canto antes o proxecto de ampliación para dar solución aos problemas de espazo que presenta o hospital na actualidade e para a posta en funcionamento de novos servizos asistenciais.
O alcalde de Burela non pode manter por máis tempo o silencio sobre este asunto e debe dar a cara de inmediato na defensa da sanidade pública en Burela e na Mariña. González Barcia non pode virar as costas ás demandas do persoal sanitario e tampouco pode ser alleo ás necesidades dos pacientes, entre eles moitos veciños e veciñas de Burela, que se están a ver afectados pola perda de autonomía do hospital comarcal. Mentres numerosas persoas están a padecer as consecuencias do modelo de xestión sanitaria posto en marcha polo PP, a única preocupación de González Barcia é a ausencia do Hospital da Costa na sinalización da A-8.
O BNG preguntará en pleno polas deficiencias detectadas no centro hospitalario e chama á veciñanza de Burela a mobilizarse o próximo mércores 26 en defensa da sanidade pública.
O portavoz municipal do BNG, Mario Pillado, interesarase no próximo pleno polas medidas adoptadas para corrixir as deficiencias detectadas nas instalacións do centro hospitalario e fai un chamamento aos veciños e veciñas de Burela a apoiar a manifestación cidadá en defensa da sanidade pública que terá lugar o próximo mércores 26 de marzo ás 20:30 horas, desde o Hospital da Costa.