A Mariña, 15 de marzo 2014. A formación nacionalista asegura que “un novo reparto inxusto nas cotas suporá outro golpe mortal, neste caso, ao sector do cerco. No caso da comarca mariñá, embarcacións dos portos de Burela e Celeiro veranse afectadas por este inxusto reparto que impide aos pesqueiros galegos pescar a xarda que enche o mar, a pesar de ter capacidade para facelo. A importancia deste sector na comarca mariñá non é exclusivamente por ser un piar económico fundamental, senón tamén polo emprego que xera tanto de xeito directo coma indirectamente.”
Segundo o BNG, “a solución para a flota galega sería que o goberno galego actuase como tal e defendera ao sector galego por riba de outros intereses, en lugar de agocharse e seguir caladamente o reparto que se decide desde Madrid e que prexudica á nosa flota.” Para o BNG o novo reparto aceptado pola Conselleira de Pesca non muda criterios anteriores polo que Galiza segue perdendo capacidade de pesca en relación a outras comunidades, “A conselleira Rosa Quintana volve enganar ao sector ao non defender un cambio nos criterios de reparto que force unha discriminación positiva para o sector galego”. Os nacionalistas reclaman que a nova cota ou a que se poida conseguir se reparta entre os mais prexudicados e non entre os mais beneficiados polo que reclaman inverter o modelo de reparto dentro do Estado”.
Para analizar estas e outras cuestións, a formación nacionalista na Mariña ten previsto desenvolver un encontro no vindeiro mes de abril no que convidarán a participar a todas as persoas que teñan relación co sector pesqueiro da comarca de xeito directo ou indirecto.