Cervo, 13 de marzo de 2014. O BNG reclama ao Concello prazos para a posta en funcionamento do novo saneamento e EDAR de San Cibrao que leva en proxecto dende fai trece anos. Os nacionalistas reclaman a reparación inmediata de dúas tapas da rede actual que verte sen depurar na zona de Cubelas e denuncian que os vertidos na zona do Chope e Paseo da Caosa , aínda coa posta en funcionamento da nova rede, non se solucionará o problema pola necesidade de substituír redes secundarias obsoletas no Porto de Arriba e a desconexión dalgunhas vivendas da Fontiña á rede existente na zona.
REPARACIÓN INMEDIATA DE DUAS ARQUETAS DA REDE XERAL NA ZONA DE CUBELAS
O BNG rexistra no concello varias solicitudes reclamando a reparación inmediata de dúas tapas da rede xeral de saneamento de San Cibrao a escasos metros do punto de vertido ao mar na zona de Cubelas en San Cibrao que supoñen un grave perigo para a poboación por estar, nun caso totalmente aberta por mor dos embates do mar dos últimos días e outra cunha tapa rota que debería ser substituída.
PRAZOS PARA A APERTURA DA EDAR E REDE XERAL DE SANEAMENTO
Ao tempo preséntase unha batería de preguntas na que se reclaman prazos de apertura para a nova EDAR e Rede Xeral de Saneamento de San Cibrao que o PP dende o goberno local anunciou no ano 2001 e segue sen entrar en funcionamento cos prexuízos de seguir vertendo directamente ao mar as augas residuais sen ningún tipo de depuración previa.
SOLUCIÓNS AOS VERTIDOS NA ZONA DO CHOPE E PASEO DA CAOSA
Os nacionalistas lembran que do proxecto inicial xa se fixeran dúas modificacións, inicialmente o vertido iría á zona da Limosa, despois á zona do Porto de Arriba onde verte actualmente e finalmente no Polígono de Cuíña. Aseguran que o goberno popular sendo Conselleiro de Medio Ambiente o Sr. Barreiro non adxudicou a obra ate ter perdidas as eleccións galegas en 2005 sen consignación orzamentaria que se dotaron economicamente e deron comezo cun Conselleiro do PSOE en 2009.
QUEREMOS UN VRAO SEN VERTIDO CONTAMINANTES AO MAR
O BNG reclama “un vrao sen vertidos contaminantes ao mar para mellorar a imaxe turística do concello”, estamos fartos de ver como a veciñanza local e visitante denuncia a imposibilidade de bañarse nas praias de Cubelas ou A Caosa pola desagradábel visión dos vertidos de augas residuais que chegan ás propias praias e por certo levan varios anos facendo perder a bandeira azul ao areal de Cubelas.