As persoas que formamos parte do Grupo de apoio á Alternativa Galega de Esquerda en Ribadeo
facemos noso o manifesto e apoiamos as mobilizacións previstas nas Marchas da Dignidade, que van
confluír en Madrid o próximo 22 de marzo.
Apoiamos as Marchas ante o gravísimo deterioro das condicións de vida do pobo, provocado porque
os poderes financeiros e os seus lacaios, os representantes políticos, están destruíndo as conquistas
que tanto suor e mesmo sangue custaron: empregos minimamente dignos, sanidade, educación,
servizos sociais básicos, prestacións por desemprego, cultura, vivenda, transportes públicos, etc.,
están desaparecendo coa escusa dunha crise que é a coartada que xustifica todo tipo de desmandos.
Se a isto lle engadimos as medidas represivas que están a levar a cabo contra os dereitos de
manifestación, folga ou expresión de todo aquel que se lles enfronte con decisión, o panorama non
pode ser máis desolador.
Tras a nefasta Reforma Laboral que sementa dor por todas partes, na actualidade pretenden
aprobar leis profundamente autoritarias e retrógradas: a lei de Seguridade Cidadá e a Lei do aborto
son unha mostra disto. Todos seremos posibles obxectivos desta lexislación, que deixa nas mans do
poder político e do empresariado unha patente de corso para actuar con total impunidade. Toda
unha batería de medidas reaccionarias que atenta contra nos, como cidadáns e que nos nega como
País.
As persoas da Mariña interesadas en participar deben poñerse en contacto coas organizacións
convocatantes á maior brevidade, xa que os trens previstos xa están completos e estanse a
organizar autouses en función das necesidades de cada comarca.