Mondoñedo, 11 de marzo de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo preguntaralle no próximo pleno municipal ao alcalde, o nacionalista Orlando González, se emprendeu as xestións oportunas dirixidas a garantir a seguridade viaria na estrada coñecida como a Calzada, no lugar de Coto de Otero, parroquia do Carme.
Dende o Partido Popular de Mondoñedo explican que moitos automobilistas, dado ao menor número de quilómetros, optan dende a saída da Autovía en Lindín, por baixar a Mondoñedo a través da Calzada, no lugar de facelo pola LU-124
Este feito está a provocar que a Calzada soporte unha importante afluencia de tráfico que como consecuencia incrementa o risco para os viandantes e máis cando este treito se caracteriza por un trazado moi estreito e pendente, a maiores de discorrer entre vivendas localizadas ao seu carón.
Deste xeito, os populares trasladan esta pregunta atendendo así á preocupación dos veciños da parroquia do Carme; que viviron situacións de perigo incentivadas, en ocasións, pola excesiva velocidade á que baixan os vehículos.
Neste senso, o Concello de Mondoñedo é o responsable de velar pola seguridade dos veciños nesta estrada e debe levar a cabo as actuacións oportunas que garantan a seguridade nesta vía.
Os veciños xa lles trasladaron esta circunstancia que polo de agora non foi atendida, polo que queremos coñecer se iniciou algunha xestión para garantir a seguridade neste treito.