VIVEIRO, 13 DE MARZO.- A coordinadora comarcal do PSOE da Mariña –Mayra García-, acompañada do deputado autonómico e voceiro de Pesca –José Ramón Val- e da voceira do PSOE en Cervo e Vicepresidenta Segunda da Deputación –Lara Méndez-, así como da Alcaldesa de Viveiro –María Loureiro-, mantivo este xoves unha xuntanza cos secretarios das executivas locais e co resto de voceiros do Partido da comarca na que abordaron distintos temas de interese para os municipios desta zona da provincia, así como os problemas que está a atravesar a fábrica de Sargadelos e o Hospital da Costa. Deste xeito, os socialistas acordaron pedir, nos respectivos Plenos, que os Alcaldes intercedan ante a Xunta de Galicia para evitar o peche da factoría e o desmantelamento da Costa.
“A Xunta apostou por Sargadelos, polo que é de xustiza que emprenda medidas para salvar a este emblema da cultura galega e os postos de traballo. Feijóo non pode eludir a súa responsabilidade. Dende que Goberna o Partido Popular as principais empresas pecharon e, agora, están facendo todo para impedir que os mariñanos teñamos unha Sanidade de calidade. Se o Hospital perde a súa autonomía, aí están as reclamacións dos médicos, o único que teremos é un ambulatorio”, destacaron.
Infraestruturas viarias “en nefasto estado”
Asimesmo, os socialistas amosaron a súa sorpresa polas declaracións dalgúns responsables do Partido Popular como a voceira do PP na Deputación –Elena Candia-, que solicitaron nas últimas semanas o arranxo das estradas provinciais “a sabendas” de que algunhas se viron fortemente afectadas polos últimos temporais e as que dependen do Goberno Central están nun “nefasto estado”. Deste xeito, puxeron como exemplo a estrada N-642, o único viario costeiro e arteria principal de circulación entre os Concellos da Mariña, dende Ribadeo ata Viveiro, e que presenta un notable deterioro. Por este motivo, pedirán que o Partido Popular deixe de lado “os intereses partidistas” e apoie as iniciativas dos socialistas neste eido.
A situación na que se atopa dende hai algún tempo esta infraestrutura, “roza a irresponsabilidade”, xa que varios treitos, principalmente entre os concellos de Barreiros e Burela (variante de Foz, polígono de Fazouro e o tramo dende Nois á paria de Arealonga) están ateigados de fochas e fochancas que, ademais de incomodar na condución, supoñen un grave risco para os condutores que circulan habitualmente por ela.
Ademais, trátase dunha vía que soporta cada día un máis que importante volume de tráfico, xa que, entre outros, é a infraestrutura que dá servizo ó Hospital da Costa, polo que cada día pasan milleiros de cidadáns de toda a comarca, e mesmo tamén ás empresas de gran relevancia como Absa ou Alcoa.
“Nulo compromiso político”
A este “nulo” compromiso dos Gobernos do Partido Popular, destacaron, hai que sumar a falla de investimentos e paralizacións doutras infraestruturas, como é o caso da VAC, que une Ferrol con San Cibrao.
Deste xeito, os socialistas, tal e como anunciaron hai unhas semanas, solicitarán na Cámara galega, que a Xunta concrete os prazos nos que ten previsto rematar a Variante, pois a Consellería paralizou as obras ós poucos días de celebrarse as pasadas eleccións autonómicas, incumprindo os compromisos asumidos neste eido.
Proxecto do secretario provincial
A xuntanza, na que participaron os representantes do PSOE nos municipios indicados, enmárcase dentro do proxecto político do secretario provincial –Juan Carlos González Santín- de achegar o Partido a todos os socialistas, sendo o traballo en rede o catalizador desta área.
Dende González Santín substituíu ao seu antecesor no cargo, o líder dos socialistas galegos –José Ramón Gómez Besteiro- no mes de novembro, o PSOE celebrou máis de 30 reunións deste tipo con todas as executivas existentes na provincia, o que supón dúas reunións por semana. Nestes catro meses, a nova dirección do Partido percorreu a provincia, de norte a sur e de leste a oeste. Somentes, neste tempo, realizou máis de 5.000 quilómetros.