Ribadeo, 19 de marzo de 2014. Este xoves 20 de marzo, ás 09.30 horas da mañá terá lugar un pleno extraordinario e urxente da Corporación Municipal para analizar e desestimar o recurso presentado pola Federación Gallega de la Construcción contra a licitación das obras da residencia de maiores. Este colectivo quéixase dos avais e das garantías que deben presentar as empresas que concorran ao proceso. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que ninguén distorsionará este soño colectivo que é a residencia de maiores de Ribadeo.
O rexedor explicou que “hai uns días cando conseguíramos que a Xunta dera luz verde á posibilidade de licitación da residencia de maiores, xa advertía que habería máis paus nas rodas e dicíao con descoñecemento, aínda que o tempo me ven dar razón. Non hai mérito sen esforzo e a verdade é que o feito de que a residencia de Ribadeo sexa unha realidade está pasando por momentos de esforzo e controversias, pero estou convencido que ao facer ben as cousas desde a Corporación Municipal, non só desde o goberno, o barco chegará a porto e a residencia farase a pesares dos paus nas rodas que algúns, de maneira algo espurea, quererán facer”.
Suárez Barcia sinalou que “hai un escrito presentado hai un par de días por unha tal Federación Gallega de la Construcción, que dalgunha maneira ven combater a licitación das obras da residencia de maiores de Ribadeo. Acusan á Corporación Municipal de ser demasiado duros co réxime de garantías que queremos esixir aos posibles adxudicatarios das obras e ao mesmo tempo de ser demasiados duros cos prazos”. O alcalde engadiu que “dun total de 6 aspectos que cuestionan, cinco deles son absolutamente rebatibles, tal e como se fará nun pleno extraordinario e urxente que teremos mañá, e no que se vai explicar e propoñer ao pleno a desestimación destes argumentos”.
O rexedor dixo que “basearémonos en que sí que efectivamente existe urxencia, dado que ata que a Xunta non deu luz verde non se puido licitar o contrato. E isto relacionase coa xustificación dunha cantidade importante de diñeiro para finais de ano por parte de quen nos pon a maioría dos cartos, que é a Deputación Provincial de Lugo”. Fernando Suárez Barcia subliñou que “o réxime de garantías que a Corporación fixa é para defender o interese público e diso temos experiencias próximas, baste con lembrar o que pasou co pavillón cando a empresa adxudicataria quebrou e tivemos que sacar o resto da obra nunha segunda convocatoria”. E engadiu que “o resto que se cuestiona son as garantías globais por seren demasiado elevadas. Estas están previstas na lei e ao mesmo tempo as garantías sobre as melloras, que sí que nosoutros desde a Corporación as establecemos, só están dirixidas ao adxudicatario/a, que si realiza ben a obra non terá ningún problema con estas garantías e os avais seranlle devoltos”.
O alcalde de Ribadeo recoñeceu que “hai unha cuestión menor de erro material que é o importe da garantía provisional, que se calculou con ive, cando por unha modificación legal de hai poucas datas ten que ser sen ive. Como non pode ser doutro xeito corrixirase coma simple erro aritmético e isto é o que irá a pleno. Esta cuestión para nada vai distorsionar este soño colectivo que será unha realidade e que é a residencia de maiores de Ribadeo, a pesares dos paus nas rodas de xeito espureo parece que quere poñer”.