LUGO, 10 DE MARZO.- Os Alcaldes socialistas participarán mañá martes, ás 11:45 horas, na concentración contra da suba do canon de SOGAMA, organizada polo PSOE, diante da sede do Parlamento de Galicia. E é que, tal e como denunciaran en novembro o líder do Partido en Lugo –Juan Carlos González Santín-, os Rexedores e voceiros socialistas, os cidadáns da provincia vense obrigados a pagar cada ano preto de 1,7 millóns de euros por mor da suba da taxa do lixo, imposta pola Xunta de Galicia, e que supón un incremento do 34% con respecto ó canon anterior.
Este aumento, que implica un novo imposto para os lugueses e que entrou en vigor este mesmo mes, é a maior suba da historia que experimenta a xestión do lixo. O Executivo de Feijóo decidiu, por vontade propia, aumentar este canon, pasando de 56 a 75 euros por tonelada tratada; cantidade á que, a maiores, hai que engadir o importe do IVE. Deste xeito, con este incremento, as 135.891 vivendas da provincia que aparecen rexistradas no Instituto Nacional de Estatística (INE) están obrigadas a desembolsar por este servizo 12 euros máis ao ano.
É, por este motivo, polo que os socialistas acudirán á concentración, na que lle pedirán ao Goberno galego que retroceda na súa decisión e deixe de enganar aos cidadáns porque esta suba débese, única e exclusivamente, á decisión do Goberno Central de suprimir as primas para a xeración de enerxía renovable e á da Xunta de anular o plan do bipartito. É dicir, é unha decisión política a que causa este aumento.
Galicia é unha potencia española en enerxía eólica, sen embargo, a causa da suspensións destas axudas en 2012 e da paralización da normativa autonómica, o sector afronta serios problemas. Lugo é unha das provincias máis prexudicadas, pois o 50% dos megawatios que quedan sen acceder a estas primas pertencen aos parques lugueses. Esta porcentaxe é a mesma potencia que se necesita para abastecer 600.000 fogares ou a que precisa a central térmica das Pontes para poder funcionar.
“A Xunta deixa a responsabilidade do aumento aos Concellos”
Con esta supresión, só en investimentos directos, en Lugo perderanse 2,1 millóns de euros, en plans industriais asociados outros 2 millóns e, en materia de emprego, tal e como recoñecen os expertos, destruiranse 6.000 postos de traballo. “Por tanto, cremos que agora o aumento do canon de SOGAMA é unha mostra de insensatez e de pobreza política. É dicir, a Xunta lávase as mans e deixa a responsabilidade deste aumento en cada Concello. E non só iso, senón que os orzamentos autonómicos prevén que as entidades locais adapten os seus contratos ao novo modelo antes dun ano e, para evitar débedas que algunhas acumulan, a administración galega obrígaas a pagar mensualmente ou descontará esas cantidades da parte que lles corresponde do Fondo de Cooperación Local”, destacan os Alcaldes socialistas.