Dende a Comisión Executiva do PSdeG-PSOE de Burela queremos facer pública a nosa grande preocupación polo estado no que se atopa unha obra abandonada na zona do Hospital da Costa. A obra en cuestión atópase nun estado lamentable, a estrutura metálica que soporta o muro de contención de formigón está nun estado lamentable, e a propia estrutura de formigón que soporta o terreo xa se atopa cedida e a piques do derrubamento.
Ademais disto a valla que debería de evitar a caída ó interior da propia obra que ten máis de 10 metros de desnivel atópase moi deteriorada, chegando a non ter a valla de protección en algún dos tramos que poida evitar a caída có risco que isto supón.
Dende o PSdeG-PSOE de Burela pedímoslle ó equipo de “desgoberno” do Partido Popular de Burela que tome cartas no asunto e que, ou ben soluciona esta situación, ou ben insta a que teña que facelo para que proceda a solucionalo. Entendemos que terá que ser o propietario da obra o que solucione esta situación, pero está claro que se precisa unha solución urxente que evite que se produzan danos persoais ou materiais que poden afectar a algún dos nosos veciños e veciñas. No caso de que o muro de contención ceda pode producirse un corremento de terra que pode afectar moi gravemente ás construcións que rodean esta obra. É mellor previr antes que ter que lamentar calquera desgraza.