Santiago, 19 de mar. de 14. O portavoz de Pesca, José Ramón Val, denunciou que a falta de coordinación entre o Goberno central e a Xunta en materia de Salvamento, “deixan abandonados aos cidadáns deste país”.
Val Alonso preguntou este mércores en comisión pola opinión da Xunta respecto da actuación de Salvamento Marítimo no caso do embarrancamento da gabarra Prima, que viña remolcada polo West e que sufriu un problema co cable de remolque. A decisión de enviar unha soa embarcación, o remolcador Don Inda, trouxo como consecuencia o embarrancamento na costa de Camariñas da gabarra, ao dar prioridade ao salvamento da tripulación do remolcador.
Para o parlamentario socialista, a resposta do representante do Goberno galego, que afirmou non querer entrar a valorar a actuación de Salvamento Marítimo, por ser competencia do Estado, “ven de confirmar que non existe o mínimo atisbo de recoñecemento de responsabilidades”. Criticou que a posición da Xunta sexa a de “eludir responsabilidades e xustificarse despois nas condicións climatolóxicas”.
A confirmación de que en este caso non houbo contactos entre os servizos dependentes da Administración estatal e os da Xunta poñen de manifesto, segundo o portavoz socialista de Pesca, que “a falta de coordinación deixa en evidencia que estamos abertos a que poida producir outra catástrofe ambiental”, como a do Prestige na costa galega, “que pasaría se a gabarra levara algún tipo de mercadoría perigosa?”.
O deputado socialista concluíu que neste rescate “non se foi todo o responsable e dilixente que se debera ser”, a falta de cooperación institucional levou a mandar unha embarcación para o auxilio de dous barcos. “O Sebastián do Campo ou o Irmáns García Nodal non poderían axudar?”, preguntou Val, facendo referencia aos recursos da Xunta que se puideron empregar para evitar que encallara a gabarra.
A falta de entendemento entre as administracións e o desentendemento da Xunta de toda responsablidade “deixa á deriva aos cidadáns” e chega a tal punto que afecta á reposición ambiental da zona. “Non existe colaboración nin para quitar os ferros”, recriminoulle ao Goberno galego o deputado socialista.