O pasado mércores 12 de marzo de 2014 compareceu a Conselleira de Sanidade no Parlamento Galego para respostar unha pregunta do BNG sobre a privatización dos servizos de esterilización. É unha mágoa que os vídeos das comparecencias da Conselleira non se publiciten na web do SERGAS para que a sociedade galega puidera comprobar que o único argumento que esgrime a Sra. Conselleira para defender a privatización dos servizos sanitarios públicos é a de ser modernas.
Un discurso baleiro, cheo de imprecisións, medias verdades e louvanzas ao sector privado Afirmou a Sra. Conselleira que quen se opoñen ás privatizacións é por que non están pola evolución e pola modernidade; confundirá a Conselleira evolución con involución? Segundo Rocío Mosquera vai privatizar o servizo de esterilización (xa non ocultan a súa intención) porque segundo di na privada está a eficiencia e a eficacia e o manexo da alta tecnoloxía.
Outro dos argumentos esgrimidos pola Conselleira foi que as caixas de material xa veñen esterilizadas das casas comerciais. Pode ser que isto sexa verdade, pero o que non di a Conselleira é que ante a falla de garantías de que isto sexa así, nas unidades de esterilización vólvense esterilizar, para que este material chegue cun alto estándar de calidade á/ao doente. O material pode chegar esterilizado a 1ª vez, pero non é material dun só uso, para utilizalo nas seguintes intervencións hai que esterilizalo de novo.
Unha mentira, por moito que a Conselleira a repita, non se converte nunha verdade.