Lugo, 9 de marzo de 2014.- A Consellería de Traballo e Benestar incentivou cunha axuda global de 81.000 euros a incorporación de mulleres en 27 explotacións agrarias da provincia de Lugo. Segundo explicou a delegada territorial, Raquel Arias, o obxectivo deste programa é “promover a creación de emprego no agro galego e mesmo facilitar o relevo xeracional, dado que as mulleres deben incorporarse a unha explotación familiar en marcha”.
As beneficiarias foron mulleres de cincuenta ou menos anos de idade que se deron de alta na Seguridade Social, incorporadas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos a través do sistema especial para traballadores por conta propia agrarios.
Cada unha das altas foi incentivada con 3.000 euros, sen que existira prelación entre as solicitudes xa que foron admitidas e atendidas todas, unha vez comprobada a concorrencia na solicitante dos requisitos establecidos na convocatoria.
A delegada territorial subliñou a necesidade de “incorporar ao mercado laboral ás mulleres, que na práctica están tan ligadas ás explotacións agrogandeiras da provincia”, e fixo fincapé na importancia de desenvolver políticas “que favorezan a capacidade de toda a sociedade galega para crear emprego”.
Así mesmo, destacou, esta medida incide nas accións de discriminación positiva
“dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego” e en particular “no apoio ás mulleres emprendedoras no medio rural”.
Ao respecto, a delegada sinalou que a Xunta de Galicia “está a impulsar dende distintas frontes o rural lucense, para que se aproveite todo o seu potencial, porque o sector primaria pode e debe ser fonte de riqueza e progreso para Lugo e iso pasa por fixar poboación no medio”.