Barreiros, 29 de abril 2014.- A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, mantivo este martes un encontro con gandeiros de Barreiros aos que lles anunciou que esixirá da Unión Europea na vindeira lexislatura un “fondo lácteo” que compense ás explotacións galegas, “que se endebedaron para mercar cota láctea e agora van ver como ese esforzo non serviu para nada cando o vindeiro ano se eliminen as cotas lácteas na Unión Europea”.
A candidata do Bloque, que estivo cun grupo de labregos de Barreiros na explotación Casa da Granda, na Rilleira, afirmou que “o candidato do PP, Arias Cañete e tamén o Partido Socialista defenderon na reforma da Política Agraria Común en Bruxelas aos terratenentes do Estado español”. “Defenderon aos grandes rentistas, como a Duquesa de Alba, a raíña de Inglaterra ou a propia familia de Arias Cañete, pero non aos pequenos produtores do noso país. Ás labregas e labregos galegos só os defendeu o Bloque”, dixo.
Ana Miranda denunciou o papel en contra dos sectores produtivos de Galiza do cabeza de lista popular, o exministro, Miguel Arias Cañete. “Este señor presenta unha folla de servizos na que figura a súa negociación en contra do sector agrogandeiro galego, ao que fixo perder 300 millóns de euros para desenvolvemento rural, impoñendo uns criterios de reparto dos fondos europeos que prexudica e discrimina aos nosos gandeiros e gandeiras”, denunciou Miranda. “Esta é unha proba da súa xestión nefasta para un sector estratéxico para o país, como é o sector agrogandeiro, tanto de leite como de carne”, dixo. Pero tamén os eurodeputados do PSOE “deixaron tirada a Galiza na reforma da PAC, onde votaron contra os intereses galegos”, engadíu.
Para Cañete e para o PP, “Galiza é irrelevante en Europa”, salientou Miranda, como demostra a conformación dunha candidatura como a do PP na que a presenza do noso país e “pura anécdota” cun eurodeputado, como é Millán Mon, que nos últimos cinco anos adicou máis tempo a falar da unión do Mediterráneo e do aceite de oliva que aos temas estratéxicos de Galiza pese a que teoricamente é eurodeputado elixido pola provincia de Pontevedra, criticou.
120 millóns de euros adicados a mercar cota nos últimos anos
En contraposición, Miranda puxo en valor o traballo desenvolvido polo BNG en Bruxelas en defensa dos intereses do país. A cabeza de lista do Bloque ás eleccións europeas do vindeiro 25 de maio explicou que o BNG defendeu no Parlamento Europeo a sectores como o do leite. Neste sentido, explicou que, de cara á desaparición das cotas lácteas en 2015, o BNG xa pediu en Bruxelas que se cree un fondo lácteo para compensar o “forte investimento” realizado polas explotacións galegas para mercar cota e adaptarse ao escenario que agora muda. “Os gandeiros galegos gastaron nos últimos anos 120 millóns de euros para mercar cota láctea e poder producir, e agora van ver como todo ese investimento non serviu para nada, polo que ese gasto ten que ser compensado”, defendeu a candidata do Bloque.
Ana Miranda dixo que “Galiza é unha nación leiteira e dende o BNG esiximos que a Unión Europea nos dea un tratamento xusto, que ata agora non tivemos, porque o que queremos é poder producir cuns prezos dignos para os nosos produtos para que sexa posible vivir e traballar na nosa terra no medio rural”, defendeu. En Barreiros quedan préto de 40 explotacións, das que a metade son explotacións leiteiras de máis de 75 cabezas.
Encontro co sector turístico en Ribadeo
Ana Miranda completou a súa axenda na Mariña cun encontro co sector turístico da comarca no Parador de Ribadeo, onde a cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo defendeu a posta en marcha dun “turismo racional” que cree riqueza e postos de traballo fronte ao “modelo barreiros” de turismo, “totalmente insostible e agresivo para o territorio e o medio ambiente”, afirmou.
Acompañada polo alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez, polo vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, Ana Miranda defendeu a utilización de fondos europeos para o desenvolvemento turístico e o apoio a un sector en auxe na comarca. A candidata do Bloque ao Parlamento Europeo explicou que os fondos de cohesión para o periodo 2014-2020 terán como prioridade o medio ambiente e a creación de emprego e invitou ao sector a aproveitalos.