Santiago, 30 de abril de 2014.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a realizar os traballos e trámites oportunos para a correcta licitación, adxudicación e execución das obras do acceso ao porto de Burela, en colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar. Así o manifestou hoxe no Parlamento o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, durante a súa intervención parlamentaria, na que adiantou que a previsión do Goberno galego é licitar estas actuacións este ano.
En resposta a unha pregunta formulada en Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo, Durán Hermida lembrou que “o porto de Burela é un dos de maior volume de operacións dentro dos portos adscritos á Comunidade Autónoma de Galicia. Este porto rexistrou distintas ampliacións nas súas liñas de atraque, ademais de construírse unha nova lonxa para tratamento e comercialización da pesca”.
O acceso á zona portuaria realízase polo centro do núcleo urbano, coas molestias e perigo que isto supón tanto para as persoas usuarias do Porto como para o propio núcleo de Burela. Debido ao incremento da actividade que experimentou este Porto e ao aumento de tráfico considerouse idóneo dotar estas instalacións portuarias dun novo acceso que facilite a entrada e saída a estas, evitando, na medida do posible o paso polo núcleo urbano de Burela.
Durán explicou que “tomando como base o proxecto redactado por Portos de Galicia, e tendo en conta o planeamento urbanístico do Concello, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) ten a previsión de asumir a execución deste vial e a súa financiación, ao 100%, a pesares de estar inicialmente previsto por esta axencia ao 50%”.
Na AXI redactouse un novo proxecto de actualización e terminación das obras de acceso ao porto de Burela, aprobado en 2011 cun importe de 7,4 millóns de euros.
As principais modificacións respecto do proxecto orixinal:
• A actuación adáptase ao planeamento urbanístico, axustándose ao previsto no PXOM
• O paso do FEVE realízase por abaixo (no proxecto orixinal se realizaba con paso superior)
• Menor impacto ambiental: a actuación non eliminará as vistas ao mar dado que irá practicamente en desmonte (no proxecto orixinal discorría en terraplén).
Realizados todos os trámites oportunos, o anuncio de Información pública publicouse no DOG o 9 de marzo de 2011, e o 12 de agosto, a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción.
O Consello da Xunta aprobou en 2013 o Decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción, que incrementa o importe das expropiacións en 183.771,00 euros.
O presidente de Portos de Glaicia lembrou que no ano 2007 adxudicouse a obra, pero non era acorde co planeamento urbanístico vixente, o que implicou que o Tribunal Superior de Xustiza fallara a súa paralización e a estimación dun recurso interposto por un particular. Polo tanto, as obras están paradas e rescindidas como consecuencia dun fallo do Tribunal Superior de Xustiza.