Os traballadores do grupo de empresas Bidueiros (Mayco, Recalnor e Construcións Metálicas Bidueiros) realizaron este mércores 30 de abril unha marcha de protesta ó longo da estrada de acceso a Alcoa para reclamar unha serie de melloras laborais “que son de xustiza”, segundo aseguran os Delegados de persoal Grupo Bidueiros.
As principais reclamacións que fan os traballadores son “a negociación dun novo pacto de empresa; xa que o empresario se nega a sentarse cos traballadores a negociar as súas condicións laborais, mostrando con esta actitude unha prepotencia e desconsideración cos seus traballadores totalmente inaceptable”.
Outra das reclamacións van ligadas á seguridade laboral debido “ás dificultades que pon a empresa para repoñer os EPIS (Equipos de protección individuais) que garanten as condicións de seguridade dos traballadores”, explican os Delegados.
Reclaman que a empresa siga custeando os trámites da tarxeta do supermercado Familia de San Cibrao; xa que era un acordo que a empresa tiña cos traballadores e Alcoa polo que os traballadores teñen un desconto nas compras neste supermercado como o resto das empresas auxiliares.
Denuncian tamén “o mal estado nos que se atopan os vestiarios, comedores e duchas que teñen unha serie de deficiencias que o empresario se nega a arranxar e que inflúen nas condicións laborais dos traballadores”.
Este foi o primeiro acto que se convocou para “tentar forzar a solución destes problemas, e en caso de que o empresario siga na súa postura de non sentarse a falar cos representantes dos traballadores e abordar estes asuntos os actos de protesta irán en aumento”.
O próximo acto programado será o vindeiro luns 5 de maio para o que está convocado un paro dunha hora dos traballadores.